mainimg
Código: par001
-
Parques E Xardíns
Localización

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Parque patrimonial

Cronoloxía

Séculos XII-XXI

Historia

O outeiro de Santa Susana puido ter acollido un poboado castrexo. Durante a Idade Media, a zona era denominada outeiro dos Poldros e baixo a sombra dos carballos tiñan lugar asembleas cidadás e, moi posiblemente, as grandes feiras de gando. A súa posición estratéxica ao carón da porta Faxeira e do principal camiño de entrada á cidade -o que viña de Padrón e os portos do sur- facilitou esa integración da zona na vida urbana.

O arcebispo Xelmírez construíu unha fermosa igrexa para gardar nela as reliquias de santa Susana que trouxera de Braga; foi consagrada en 1102 e pasou a acoller aos fieis dunha parroquia da cidade, aqueles que vivían fóra da muralla. De feito, a santa foi unha sorte de padroeira da cidade.

No século XVI ao espazo de arboredo que ocupaba o cumio e as abas do outeiro, sumouse unha zona baixa que foi doada á cidade polo conde de Altamira. É a zona das actuais Carreira do Conde e Xoán Carlos I, que foron arranxadas nos séculos XVI ao XVIII para embelecer a entrada á cidade. Eses traballos fixéronse en varias fases baixo dirección do Concello, as árbores chegaron das parroquias do rural (Marrozos, O Eixo, Aríns e Conxo) e a veciñanza colaborou nos traballos.

Seguindo as modas dos tempos en 1836 foi inaugurada a Alameda como espazo de lecer; era un espazo axardinado pensado para o goce da veciñanza e para formar parte da sociabilidade de cidade. Era daquela un espazo máis pequeno e acoutado por un peche perimetral do que hoxe queda a entrada (a chamada porta dos Leóns). Máis tarde virían a apertura do paseo arredor do outeiro (paseo dos Leóns, A Ferradura), a organización dos paseos -que se conciben como espazos sociais-, o axardinamento e estanque, as fontes, as estatuas...

A Alameda foi escenario de reunións veciñais, das grandes feiras da Ascensión e do Apóstolo, dos primeiros desfiles de Entroido, da chegada á cidade de mil e unha marabillas das mans dos feirantes, dos xogos e bailes estudantís, das verbenas populares... Duns sucesos e emocións que aínda hoxe se evocan nas grandes xornadas.

Actuacións

A cesión dos terreos ao Concello en 1546 polos Condes de Altamira suporá a conversión de monte privado a espazo público, e a repoboación do seu arboredo con carballos, chopos e freixos que foron plantados polos veciños de Marrozos, O Eixo, Aríns e Conxo.

Xa no século XIX, o Concello constrúe un paseo público axardinado próximo á Porta Faxeira, inaugurado o 11 de setembro de 1836. Este paseo irase completando, axardinando e modificando ao longo dos anos até conformar o que coñecemos hoxe como o Parque da Alameda.

Coñecemos esta evolución grazas principalmente a Andrés Barreiro, quen ocupou a praza de xardineiro municipal durante 40 anos, dende 1878 até 1918, dando testemuño dos cambios realizados nos xardíns e paseos.

Ao longo do tempo, foi necesario o mantemento e mellora desta zona verde coa instalación e reparación de farois, novos axardinamentos ou a construción de novas edificacións como o Palco da Música. Ao longo dos anos o ámbito foi ocupado tamén polas construcións efémeras de circos, cinematógrafos, pavillóns e postos de feira, xa que aquí é onde se celebra a feira das festas da Ascensión e do Santiago Apóstolo, así como numerosos eventos como feiras do libro, exhibicións ou a pista de xeo no Nadal.

O último gran proceso de remodelación do conxunto do Parque da Alameda iniciouse no ano 1990, co pavimentado de lousado de granito e a reposición dos servizos de rede de sumidoiros, iluminada, rego e diversas melloras na xardinería.

Descrición

A Alameda de Santiago é un espazo intimamente ligado á historia da cidade e dos homes e mulleres que aquí viviron ao longo dos séculos. Foi testemuña de fitos senlleiros, das grandes alegrías e das circunstancias difíciles, un escenario da memoria emocional compartida polos composteláns e compostelás. Está tan vinculada á esencia da cidade que case pode dicirse que foi parte do bosque Libredón, aquel lugar lendario no que apareceu o sepulcro do Apóstolo.

Hoxe é un dos integrantes principais do legado histórico da cidade e continúa a ser un escenario da vida, dos paseos, xogos e festas da cidade. A súa posición central na cidade e na súa historia fai que conserve a pegada dos tempos, dos gustos e das xeracións que aquí viviron antes ca nós.

O outeiro e carballeira de Santa Susana son os nomes que delatan a presenza desta zona verde nos documentos medievais. A zona máis próxima á Carreira do Conde comezaría a embelecerse como entrada principal á cidade nos séculos XVII e XVIII; no XIX nacería a Alameda, o gran parque urbano, que foi enriquecéndose co paso dos anos.

Bibliografía

CORES TRASMONTE, B. El urbanismo en Santiago de Compostela en el Siglo XIX. USC, Santiago de Compostela, 1962

COSTA BUJÁN, P. Evolución urbana y cambios morfológicos. Santiago de Compostela, 1778-1950, Santiago de Compostela, 2013

COSTA BUJÁN, P. Santiago de Compostela, 1850-1950: desenvolvemento urbano outra arquitectura. 1989, Santiago de Compostela

CABO VILLAVERDE, J. L. - COSTA BUJÁN, P. Imaxe de Compostela: unha cidade de pedra nas vellas fotografías. COAG, Santiago de Compostela, 1991

FRAGA, M.I. Guía verde Santiago de Compostela. Alvarellos, Santiago de Compostela, 2010

MORENAS AYDILLO, J. La Alameda de Santiago de Compostela: dibujos de sus arquitecturas por los alumnos de la Escuela de Artes Aplicadas y Oficios Artísticos Maestro Mateo. Consorcio de Santiago, 1994

IZCO SEVILLANO, J. - RODRÍGUEZ OUBIÑA, J. A Alameda: xardín pacego de Santiago. Concello de Santiago de Compostela, 1986

RIGUEIRO RODRÍGUEZ, A. - BERNÁRDEZ VILLEGAS, J.G. - RODRÍGUEZ DACAL, C. Árbores e formacións senlleiras de Galicia. Xunta de Galicia, 2008

RODRÍGUEZ GÓMEZ, X.M. O parque da Alameda: Un itinerario para o teu lecer. Papeis de Educación, nº 1. Departamento de Educación, Concello de Santiago. Santiago de Compostela, 1985

Fotos actuais


Fotos antigas


Mapas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)