mainimg
Código: par073
-
Parques E Xardíns
Localización

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Xardín urbano

Cronoloxía

2014

Historia

Este parque ocupa o espazo situado tras a Capela de San Roque, dedicada a un dos santos máis populares da cidade, tanto que, o 16 de agosto é festivo local en Compostela. Nesta capela celébrase unha misa solemne conmemorando o voto que a cidade rende ao santo, nunha tradición que comezou no 1517.

San Roque de Montpellier adquiriu fama de santidade por peregrinar piadosamente por toda Italia curando aos afectados pola peste cara o ano 1379. Cando a comezos do século XVI esta enfermidade asolou a cidade, o Cabido e os rexedores de Santiago decidiron levantar na entrada da cidade polo Camiño Inglés unha capela a este santo, para que así frease a chegada da epidemia, xunto cun pequeno hospital fundado en 1578.

Esta pequena construción situada no alto da rúa das Rodas, foi transformada na segunda metade do século XVIII cando foi reformada, dotándoa dun hospital con fins asistenciais, especialmente pensado para os doentes de peste. O edificio estrutúrase en torno a unha planta rectangular e un claustro. En canto á nova igrexa, tamén de planta rectangular, está construída seguindo o estilo do barroco compostelán.

Na actualidade, o antigo hospital é un edificio administrativo da Xunta de Galicia, onde se sitúan diferentes entidades públicas de carácter científico e cultural, mentres que o seu pequeno xardín conservouse como espazo público municipal.

Actuacións

A remodelación do antigo parque de San Roque tivo lugar en 2014, cando se dotou ao espazo dun novo equipamento co que mellorar o pequeno xardín situado entre o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o antigo hospital de San Roque. Este espazo atopábase moi infrautilizado, sobre todo se temos en conta a súa céntrica posición dentro da trama urbana.

Cunha inversión menor, o parque destinouse principalmente ás familias, xa que no espazo destaca o parque infantil, imprescindible se temos en conta a proximidade de numerosos centros educativos e zonas verdes.

A actuación completouse cunha remodelación da xardinería, coa reparación dos paseos e a instalación de novo mobiliario urbano.

Descrición

O Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal está situado na rúa Ramón del Valle-Inclán. Este é un espazo con grandes posibilidades pola súa céntrica situación, nunha área na que se atopan varios museos como o Museo do Pobo Galego ou o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Ademais, está rodeado de garderías, escolas infantís e colexios, polo que é un lugar ideal para situar unha zona verde dotada dun parque infantil.

Neste parque réndese homenaxe á ciencia galega. Nun primeiro momento pensouse darlle o nome do Pai Sarmiento, mais finalmente optouse polo de Isidro Parga Pondal. A todos aqueles persoeiros que merezan no futuro ser distinguidos co recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias, recordarase neste parque cunha placa para cada un deles nos bancos cos que se dota ao novo xardín de San Roque.

O Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal conta ademais cunha escultura central, obra de Óscar Aldonza en colaboración co ferreiro e artesán Santiago Martinez, máis coñecido como Chago. Trátase dunha esfera de ferro que se ergue sobre un piar de pedra no medio das árbores e que representa o Sistema Solar.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)