
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Parque patrimonial
Cronoloxía
2004
Historia
A partir do século XIII aséntanse nos bordos da cidade os mosteiros mendicantes de franciscanos e dominicos. A presenza destas ordes nas cidades serve como indicador do seu nivel de madurez urbana, pois o ideario mendicante introducía novas formas de relixiosidade, adaptadas ás necesidades dos grupos sociais urbanos.
O convento dominico de clausura de Santa María de Belvís situouse no leste da cidade, na ladeira do monte Viso. Inaugurouse en 1314 con Sor Velasquita como priora, chegada do convento de Santa María de Zamora. As terras da contorna serviron de hortas para as freiras e os seus arrendatarios, e será nestas parcelas onde se constituirá o Parque de Belvís.
A valgada era un espazo de agros e hortas, rodeado de rúas de trazado labiríntico (Lagartos, Trisca, Fraguas...) que naceron como derivacións da rúa de San Pedro, seguindo os camiños que levaban cara o río Sar. Coa desamortización dos bens eclesiásticos realizada por Mendizábal en 1837, estas terras expropiáronse e puxéronse á venda, permitindo a moitos veciños comprar os foros das casas nas que vivían e as terras que traballaban.
Ademais, Belvís foi unha importante zona industrial no século XVIII xa que contaba con dúas curtidorías, nas que se transformaba a pel de tenreira en coiro. Os restos das edificacións destas fábricas aínda se conservan no parque, transformadas en centros culturais (Centro de Interpretación Ambiental de Compostela e o Centro de Información de Parques e Xardíns).
Actuacións
As tarefas para a transformación do antigo espazo de hortas e agros nun novo pulmón verde para a cidade comezou co parcelario de 1992, cando o Pleno da Corporación Municipal acorda expropiar 29.138 m2 de terreos agrícolas, dedicados á labranza e prado.
En xuño de 1997 realízase o proxecto de acondicionamento provisional, organizando a área entre a rúa das Trompas e a Porta do Camiño en diferentes zonas:
- Área de xogos infantís: situada detrás da Praza do Matadoiro.
- Área de repouso: na pradería entre a rúa de Belvís e o rego Cancelón. Orixinalmente, tiña proxectada a inclusión dunha pista de fútbol na posición que hoxe ocupa o aparcadoiro, e un aparcadoiro na zona que hoxe ocupa o campo de fútbol.
- Área das hortas: preto da rúa de Belvís, na parte superior do espazo do parque.
Entre 2000 e 2001 tivo lugar a execución do proxecto de Fernando Martínez Sanadeses para a limpeza e acondicionamento do resto do espazo, con diversas obras de limpeza, demolicións, movemento de terras e plantacións de arborado, buscando solucións para os problemas de erosión provocadas pola pendente pronunciada dos terreos.
A comezos de 2004 elaborouse o Plan Especial do Parque de Belvís co obxectivo de preservar a súa singularidade paisaxística e patrimonial. Durante estes anos terán lugar diferentes traballos de limpeza e acondicionamento do espazo, como foron o proxecto de urbanización SUNP-9 de César Portela, a mellora da rede de recollida de augas pluviais, o acondicionamento dos camiños con xabre de Porriño ou a plantación do labirinto de camelias.
No acondicionamento tómase como premisa a adecuación á contorna, dando un tratamento que supoña alterar o menos posible a superficie e os elementos arquitectónicos existentes. Procurábase crear un espazo o máis funcional e polivalente posible, deseñando distintas zonas para actividades variadas: espazos lúdicos, áreas estanciais e de repouso, paseos con vistas panorámicas, zonas deportivas e aparcadoiro controlado.
Respéctanse as masas existentes formadas por arbustivas e arborado, incorporando novas plantacións en puntos concretos do parque. Provese igualmente de superficies encespadas, empregando para isto especies rústicas, adaptadas a zonas de sol e con boa resistencia ás pisadas e á seca. Consérvanse as estruturas de pedra preexistentes e o trazado dos camiños, que intentan emendar os problemas asociados ao desnivel do terreo e dótanse os paseos con bancos, papeleiras, alumeado, fontes de auga potable...
Un proxecto non realizado para este espazo foi o Parque de Europa de Kleihues. Ademais do Polideportivo de San Clemente, o prestixioso arquitecto alemán Josef Paul Kleihues (1933-2004), tamén elaborou un proxecto para o Parque de Belvís, que se combinaba co deseño de dous edificios botánicos por parte de John Hejduk, que na actualidade podemos contemplar na Cidade da Cultura de Galicia, no monte Gaiás. O Parque de Europa consistía no deseño dun mapa verde europeo, con 42 xardíns alusivos á diversidade da nova Europa unida polo Camiño de Santiago.
Descrición
O de Belvís é un parque de grande extensión que ocupa unha superficie de máis de 30.000 m2, situado nunha vagoada atravesada polo pequeno rego Cancelón do Sar, que foi empregado para o aproveitamento hidráulico. Este espazo quedou illado do resto da expansión urbanística da cidade medieval, da que constituía unha especie de foso defensivo tras as murallas, debido ás pendentes acusadas e ao regato que o atravesa.
Este espazo estivo tradicionalmente dedicado a usos agrícolas e industriais, ocupado con hortas, fábricas de curtidos e matadoiro. Na actualidade é un espazo de ocio que conserva a súa utilización como zona agrícola ao constituírse dentro do parque as hortas urbanas municipais dende o ano 2008.
O Parque de Belvís é un hábitat no que conviven diversas especies de fauna e flora en harmonía. Neste espazo están contidos 745 arbustos de 7 especies distintas e máis de oitocentas árbores de 45 especies diferentes, con exemplares de diversa procedencia, porte e idade. Estas árbores son tanto especies autóctonas, orixinarias da nosa rexión; como árbores foráneas, cuxa orixe podemos atopar en lugares moi afastados.
Os pés arbóreos de Belvís teñen predominancia as especies de folla caduca e poden aparecer situados de tres maneiras diferentes:
- Agrupados beireando os camiños, de modo que enmarcan os paseos do parque. Este tipo de agrupacións lineares están formadas por bidueiros, plátanos de sombra ou piñeiros.
- Agrupados en masas arbóreas dispersas polo espazo verde. Poderemos atopar grupos de castiñeiros, piñeiros, eucaliptos ou loureiros.
- En pés illados, sen agrupar. Coma árbores exentas aparecen exemplares de camelias, carballos, dracaenas, alfaneiros xaponeses, xinkgos, tulipeiros, faias...
O parque é un espazo libre de uso público, compatible cos usos deportivos, de ocio, lecer e cultura. Serve como escenario a multitude de eventos e actividades culturais como roteiros medioambientais, festas, feiras, mercados, observacións astronómicas, campañas deportivas, concertos...
Dende a súa parte máis alta gózanse dunhas boas vistas da cidade vella, cun miradoiro situado á altura do mosteiro. Ademais de labirinto de camelias e área de xogos infantil, inclúe as hortas urbanas municipais. Tamén ten un aparcadoiro con 120 prazas e un espazo para deixar os cans soltos.
Na contorna podemos atopar interesantes obras arquitectónicas como o Convento de Santa María de Belvís, o Seminario Menor da Asunción, a Capela de San Antonio ou o Pazo de Belvís.
Bibliografía
CARMONA BADÍA, X. - FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, M.T. A Compostela Industrial: Historia e pegada das fábricas de coiros no Concello de Santiago. Consorcio de Santiago, 2003
CORES TRASMONTE, M. P. El urbanismo en Santaigo de Compostela en el siglo XIX. Universidade de Santiago de Compostela, 1962
FRAGA, M.I. Guía verde Santiago de Compostela. Alvarellos, Santiago de Compostela, 2010
RÍOS MIRAMONTES, M. T. El convento de Belvís en Santiago de Compostela
RODRÍGUEZ DACAL, C. - RODRÍGUEZ GARCÍA-GARABAL, M. Los laberintos de camelias del parque de Belvís. Sociedad Española de la Camelia
SALINERO CORRAL, C. - VELA FERÁNDEZ, P. - GONZÁLEZ GARCÍA, M. Formas volumétricas en jardines. Arquitectura del Paisaje nº 146
VV.AA. Historia de la ciudad de Santiago de Compostela. Concello de Santiago de Compostela, Consorcio de Santiago e Universidade de Santiago de Compostela, 2003