mainimg
Código: par008
-
Parques E Xardíns
Localización

Barrio

Vidán

Parroquia

Laraño

Información

Tipoloxía

Parque fluvial

Cronoloxía

2003

Historia

Con máis de 60.000 m2, o Parque de Brandía emprázase de forma irregular e alongada seguindo a dirección da beira do río Sar, cunha punta que avanza polo oeste cara o meandro do río. Presenta unha topografía en ladeira que descende dende a estrada de Noia até o val do río Sar. Esta forte pendente determina os problemas de hidromorfía e descobre abondosos afloramentos rochosos nos terreos ocupados polo parque, polo que algúns noiros da marxe fluvial tiveron que ser estabilizados con muros de pedra.

O tratamento topográfico do terreo resólvese cun percorrido de sendeiros a media aba, enlazados uns con outros e formalizados en terras compactadas. Estas terrazas sostéñense por muros de contención formados por lenzos curvos de formigón alternados con outros reconstruídos de cachotaría de granito.

Os diferentes espazos divididos polos percorridos e terrazas, nos que aflora a topografía orixinal, conforman un xogo de niveis, ramplas e noiros tapizados de herba, sobre os que medran unha gran variedade de árbores autóctonas e exóticas: magnolios, carballos, cedros ou sequoias.

Actuacións

No 2003 recuperouse a zona verde á beira norte do río Sar para crear o Parque de Brandía, que entre o río e a vella estrada a Noia, ocupa o espazo formado por un meandro que o río describe no seu curso cara o Ulla. Constitúe un dos espazos máis representativos da contorna próxima de Santiago, tanto pola súa especial situación nas beira do río Sar, como por conter elementos patrimoniais catalogados polo seu interese etnográfico e histórico.

O parque é testemuña do desenvolvemento industrial da Compostela do século XVIII. En 1792, Jacobo Pérez Villamarín, un comerciante residente en Vidán, decide crear un complexo industrial vinculado ao Sar formado por unha fábrica de papel, varios muíños fariñentos e un curtidoiro, nas que a auga do río toma un papel protagonista.

Jacobo Pérez Villamarín comeza coa construción da Fábrica de Papel de Laraño en 1792 por Nicolás Santamarina, e pouco despois co Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán ou do Pego. No 1800 ten problemas económicos, polo que ten hipoteca a fábrica de papel e cede a súa parte da sociedade curtidoiro.

Destas industrias podemos ver aínda hoxe os edificios principais, un muíño de casca e unha canle artificial que nace dunha pequena acea ou presa que desvía parte do curso do río cara a papeleira. Esta canle de derivación, de case 600 metros, servía para encher un depósito de auga de doce metros de altura e mover unha roda hidráulica vertical de mais de 3 metros de diámetro que facía de batán.

Nos anos 90 desenvolveuse a Urbanización Brandía, entre a estrada de Noia e a canle que levaba a auga á fábrica de papel. Está formada por una serie de chalés acaroados formando ringleiras. A consecuencia da construción da estrada que une a de Vigo coa de Noia, perdeuse parte da antiga carballeira e dos xardíns que hoxe forman parte do Parque de Brandía, polo que no 2003 realizouse a restauración e acondicionamento do espazo restante a carón da Ponte Vella de Vidán, incorporando ademais equipamento deportivo.

A última intervención relevante data do ano 2006, e consistiu na introdución dun bo número de árbores e arbustos de especies autóctonas, para contribuír á restauración e á mellora ambiental e paisaxística do Parque de Brandía.

Descrición

O río Sar é o auténtico elemento xerador e vertebrador do parque, que propicia a existencia dunha gran variedade de especies de ribeira, árbores e arbustos, que serven de refuxio a moitas especies de animais e dan sombra e protección a unha gran variedade de especies herbáceas.

Presenta un alto grao de naturalización xa que conserva o arboredo típico de ribeira, que contrasta coa intervención humana dos espazos naturais que podemos apreciar no xardín xeométrico ou no paseo da entrada coa aliñación de plátanos de sombra e camelias, ambos próximos ao núcleo residencial formado polo Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán ou do Pego, hoxe destinado a Local Sociocultural de Vidán.

Brandía é un parque no que poden apreciarse dous ambientes vexetais ben diferenciados, na contorna do local sociocultural e no resto do espazo verde. Pola parte máis oriental do parque, un camiño beirado de plátanos e camelias, cos restos da vella carballeira ao norte, salpicada por árbores foráneos, algúns pouco frecuentes nos parques como a sequoia. No lado sur, varios sendeiros conducen ao río e aos equipamentos deportivos.

Diante do Local Sociocultural de Vidán localízase un fermoso xardín xeométrico, restauración do que se conformou no seu día cando o Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán ou do Pego pasou a ser unha residencia. Esta tivo diferentes denominacións ao longo da historia: Villa Rin, Quinta dos Fuentes, Villa Rial, Quinta dos Xesuítas ou Casa de Brandía. Alén da casona, prosegue a vella carballeira, á que se incorporaron outras especies autóctonas mentres se escoita a auga do río saltando a acea ou presa, que desvía a auga á canle que que fornecía á Fábrica de Papel de Laraño. Un paseo entre o río e esta canle achéganos á fábrica de papel, hoxe convertida no complexo hoteleiro A Quinta da Auga.

Fotos actuais


Fotos antigas


Mapas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)