
Parroquia
San Fructuoso-Vidán
Tipoloxía
Xardín urbano
Historia
En 1928 comezou o proxecto de construción dun reformatorio rexional de menores nos terreos próximos ao chamado Hospicio Vello de Choupana-Santa Marta, que foron adquiridos con medios achegados polo Concello, o Goberno e as Deputacións. Este proxecto promovérase anos atrás por Avelino Montero Ríos, iniciador dos tribunais para menores en España e das súas institucións complementarias, e aínda que a súa execución non se iniciou até despois da súa morte, daría lugar ao proxecto do primeiro reformatorio establecido no noroeste peninsular.
Nos trámites para o establecemento do reformatorio, foi constituído un padroado presidido polo arcebispo e formado polo alcalde, os presidentes das deputacións provinciais e algúns veciños da cidade entre os que se atopaba Felipe Gil Casares, catedrático de dereito e director da Caixa de Aforros e Monte de Piedade.
En maio de 1929 inaugurouse neste ámbito, preto do camiño que leva cara Padrón, o campo de deportes da Choupana, onde xogaba ou equipo de fútbol local Compostela, e que tiña un aforo dunhas catro mil prazas. Sen embargo, os membros do Comité Federativo acordaron ou peche do campo en 1932. Os terreos foron aproveitados para o emprazamento de futuras ampliacións e complementos do edificio, que se foron executando ao longo dos anos.
Aproveitando estes terreos do campo de deportes, en 1932 iniciouse o segundo pavillón do reformatorio, que estará concluído en 1935. Con todo, en 1937 os dous edificios foron cedidos pola Comisión de Xustiza e adaptáronse para un novo uso como Dispensario Rexional Antituberculoso, polo que non chegarán nunca a funcionar como reformatorio. O sanatorio antituberculoso da Choupana foi inaugurado en xuño de 1938 e contaba con traída de augas, conducida desde a rúa das Barreiras, na zona de San Lorenzo.
En 1956 deron comezo as obras de ampliación que sumaron dous pavillóns máis ao conxunto. En 1961 converteuse en hospital, e o seu nome rende homenaxe a Miguel Gil Casares, médico compostelán pioneiro na loita contra a tuberculose e irmán de Felipe, que formaba parte do padroado para o establecemento do reformatorio en 1928. Actualmente forma parte do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
Actuacións
A contorna do Hospital Gil Casares foi profundamente reformada coa construción do novo complexo hospitalario, inaugurado en 1999 en substitución do antigo Hospital Xeral de Galeras, así como coa instalación dun aparcadoiro subterráneo de 402 prazas, aberto en xullo de 2009 para tentar solucionar os problemas de tráfico e aparcamento dos usuarios do Hospital Clínico.
O Parque do Hospital Gil Casares está situado sobre este aparcadoiro, e conta cunha pista deportiva para futsal e baloncesto que foi remodelada en 2015. A súa morfoloxía está definida polo aparcadoiro subterráneo e os seus accesos, que están situados na contorna da zona ocupada por este espazo verde.
O proxecto para a escavación deste lugar de estacionamento foi aprobado en 2001, mais retrasáronse por un desfase de altura nos terreos, que era dunha diferenza de seis metros, polo que habería que agardar seis anos até poder comezar os traballos.
Finalmente, o aparcadoiro ocupa unha superficie duns 10.882 metros cadrados, que foron nivelados e que hoxe están ocupados en superficie polo Parque do Hospital Gil Casares, un espazo verde nivelado e de forma alongada, adaptándose ás edificacións circundantes.
Descrición
Esta zona verde está marcada pola presenza dos complexos hospitalarios do Clínico e do Gil Casares, así como do aparcadoiro subterráneo sobre o que se sitúa. Isto fai que sexa un parque sen desniveis, marcado pola presenza dos diferentes elementos de iluminación, ventilación e acceso ao aparcadoiro, e tamén da pista deportiva municipal.
O parque conta con sistema de rega automatizada e mobiliario urbano consistente en papeleiras e farois, principalmente na contorna da pista deportiva.
O espazo principal é unha pradaría natural, unha fórmula tapizante sustentable xa que require un mínimo mantemento. Este tipo de pradarías teñen un baixo crecemento, o que reduce a frecuencia da sega, e teñen unhas necesidades hídricas moi baixas, que fan que sexa menor o consumo de auga para a súa rega. Na periferia do espazo verde están situadas as árbores e os arbustos, entre os que destacan os rododendros, as ameixeiras xaponesas e os pradairos americanos.