
Parroquia
San Fructuoso-Conxo
Tipoloxía
Parque fluvial
Cronoloxía
2003
Historia
Este espazo de lecer está situado no barrio de Pontepedriña, coñecido tamén como a zona do Restollal, dá servizo aos barrios do Castiñeiriño, Pontepedriña, Conxo e o Ensanche. É un dos parques con maior superficie dentro da trama urbana de Santiago, cunha superficie duns 130.000 metros cadrados.
Ocupa os terreos da antiga Finca do Paxonal ou de José María, que estaba situada xunto á Finca de Iglesias Corral ou da Concepción, onde hoxe se empraza un centro comercial. Nos anos 60 existía nesta zona un merendeiro moi empregado pola xente de Santiago.
O parque está dedicado ao artista surrealista Eugenio F. Granell (1913-2001), quen desenrolou unha dilatada traxectoria como músico, poeta, escritor, pintor e escultor. Foi inaugurado pola súa viúva, Amparo Segarra, en maio de 2003. Coa dedicatoria do parque a este autor preténdese recoñecer a súa categoría como creador e como persoa, o seu amor por Compostela e o feito de que deixara o seu legado artístico na nosa cidade.
Este espazo verde constitúe unha ruta de grandes posibilidades para o que se achega a observar toda a súa riqueza ecolóxica. Atravesado polo río Sar, o parque ten zonas axardinadas e de praderías, que se van convertendo pouco a pouco nun vizoso bosque de carballos á beira do río, que se combina cun bosque de ribeira moi ben conservado e novas plantacións de árbores e arbustos nas praderías. Por todo isto, a súa diversidade botánica ofrece unha gran variedade de cor e textura en cada época do ano.
É un parque para todos pois, ao achegarse a el, cada un atopa todo aquilo que buscaba, cunha opción para cada persoa e para cada momento: para o descanso (praderías para tomar o sol, zonas de arboredo para un repouso á sombra ou a carballeira e a vexetación de ribeira xunto ás beiras do río), para o paseo (camiños que ofrecen un percorrido ideal, con miradoiros onde facer un descanso e obter unha panorámica de Santiago), para a xuventude (pistas de skate), para os máis novos (parque infantil) ou para realizar exercicio físico (circuíto biosaudable).
Actuacións
Foi construído en dúas fases ligadas á urbanización da zona. Primeiro comezouse a traballar na marxe sur do río, xunta coa urbanización da zona de Pontepedriña, e despois tocoulle á marxe norte, cando tivo lugar a construción da urbanización do espazo cara Conxo.
Na conversión da Finca do Paxonal en espazo verde público, respectáronse as especies autóctonas que medraban na finca, así como algunhas zonas de especial importancia ecolóxica como a ripisilva nas beiras do río Sar e a carballeira. Tamén mantivéronse algunhas árbores existentes, como as froiteiras ou os eucaliptos, de gran tamaño, que se combinaron coas zonas de céspede e especies de nova plantación que forman xardíns de gran beleza debido á súa riqueza cromática e florística.
Os 130.000 metros cadrados cos que contaba o Parque Eugenio Granell na súa inauguración en 2003, estanse a ampliar cos anos, grazas á súa prolongación cara a Cornes. O espazo ocupado polo xardín do Novo Milenio e a senda peonil polas ribeiras do río Sar fan medrar o parque ao pasar por debaixo do viaduto da vía férrea en dirección ás Pontes de Conxo.
Na construción do parque, instaláronse unha serie de elementos para a mellora das experiencias de ocio que poden levarse a cabo neste espazo: instalación de rega telexestionada, iluminación artificial, mobiliario urbano, pontes que unen as beiras do río Sar, camiños peonís, carril bici ao longo do río, parque infantil, espazo onde poder ter os cans ceibos, circuíto biosaudable, pistas de skate, plataformas para facer exercicio físico, miradoiros con extraordinarias vistas sobre a cidade e dos montes que a rodean, ou zona de aparcadoiro na parte alta do parque.
Descrición
No Parque Eugenio Granell poderemos atopar tres zonas vexetais ben diferenciadas:
- O bosque de ribeira, nas proximidades do río Sar, situado na parte baixa do parque. Constituído principalmente por ameneiros (Alnus glutinosa) e distintos tipos de freixos (Fraxinus sp.) e salgueiros (Salix sp.).
- Ao fondo do parque, en dirección a Conxo, medra unha carballeira completamente allea ao bulicio da cidade. Estes carballos, xunto co bosque de ribeira, manteñen unha certa atmosfera de natureza silvestre dentro do espazo verde.
- Nas praderías da ladeira hai gran diversidade de arboredo de nova plantación, disposto seguindo as liñas dos paseos ou formando pequenas agrupacións vexetais. As especies autóctonas combínanse con outras árbores como o xinkgos, camelias ou magnolios.
Ademais, este parque dispón dun espazo onde poder ter os cans ceibos, entre a carballeira e o río, que responde ao programa de convivencia coas mascotas. Tamén ten unha pasarela que conecta ambas marxes do río, carril bici, parque infantil, máquinas de exercicios biosaudables, tres plataformas para exercicios físicos ao aire libre, unha pista de skate e unha zona de aparcadoiro, combinada con árbores para minimizar o impacto ambiental deste espazo. Na ladeira do parque sitúanse tres miradoiros sobre o val do Restollal. Dende estes puntos instalados nas zonas altas dos paseos, pódense contemplar vistas panorámicas da cidade e dos montes que a rodean.
Bibliografía
FRAGA, M.I. Guía verde Santiago de Compostela. Alvarellos, Santiago de Compostela, 2010