mainimg
Código: par006
-
Parques E Xardíns
Localización

Parroquia

Vista Alegre

Información

Tipoloxía

Parque transicional

Cronoloxía

2003

Historia

O Parque Forestal da Granxa do Xesto no Monte Pedroso, é unha zona verde patrimonio do Consorcio de Santiago, sendo xestionada polo Concello de Santiago de Compostela, ao igual que a lindante Selva Negra.

A Granxa do Xesto toma o seu nome da familia que posuíu este terreo durante varias xeracións, pois a finca estivo integrada nun vínculo (lote de bens e dereitos que se transmitían sen fragmentación por vía de herdanza) que fundou no século XVII Pedro Gesto Lamas. Este foi médico do Hospital Real e arrendou en 1681 un terreo pechado no monte Pedroso, con casa e horta, ao pastor Andrés Varela. Os seus herdeiros mantiveron o lugar denominado do Xesto durante todo o século XVIII como parte principal dos seus bens de morgado. En 1784, José Benito Montenegro aforoulla á Real Sociedad Económica de Amigos del País, que quería facer dela unha granxa experimental.

A pedra e a auga son os elementos dominantes da paisaxe. A auga amósase en forma de fontes, regatos e mananciais, que xa dende antigo abastecen de auga á cidade. A pedra, omnipresente nos múltiples afloramentos rochosos, é un dos materiais máis común usado na construción de camiños, milladoiros e arquitecturas como a capela de San Paio do Monte.

Actuacións

O Monte Pedroso, ao oeste da cidade de Santiago de Compostela, foi tradicionalmente unha área de repoboación e produción forestal de baixo rendemento, na que coexisten especies autóctonas e foráneas cultivadas para o seu aproveitamento. Neste entorno, a Granxa do Xesto ocupa unha superficie de máis de 95.000 m2 e constitúe un ensaio orientador do uso público de futuras intervencións no monte, xestionadas dentro do Plan Especial de Acondicionamento Territorial e Paisaxístico do Parque Forestal do Monte Pedroso.

Este acondicionamento deu comezo no ano 2000, sobre un terreo no que os accesos e a vexetación do seu interior presentaban un avanzado grao de deterioro, erosionados pola escorrentía e invadidos de maleza e lixo.

Comezouse a traballar na accesibilidade á Granxa do Xesto, creando un acceso dende Casas Novas, de sección mixta triple, xa que combina a estrada para vehículos co sendeiro peatonal e a vía para bicicletas, e está dotado de prazas de estacionamento, bancos, papeleiras e iluminación artificial.

A orografía do terreo permanece inalterada menos nas zonas puntuais como son as áreas de servizos, lagoas e aparcadoiros, onde foi necesario modificar lixeiramente a topografía do terreo. A intervención baseouse nun eixo principal situado na diagonal colindidinte coa liña de máxima pendente do parque, perpendicular á cal emprázanse as lagoas, os sendeiros e a cafeteria.

Tratouse de recuperar a fraga atlántica orixinal mantendo as especies que forman parte do bosque atlántico caducifolio, eliminando eucaliptos e acacias, especies de forte carácter invasor que, atendendo á normativa en materia de prevención de incendios, é obrigado substituír polo seu alto índice de piroficidade. Ademáis, estas plantacións realizáronse en forma de espiral, unha técnica novidosa que procura imitar ás fragas naturais ao tempo que facilita o labor silvícola.

Elimináronse un total de 500 pés entre eucaliptos e acacias, conserváronse os exemplares de especies autóctonas e plantáronse 190 novas unidades de arborado, repartidas da seguinte maneira:

- Carballos (Quercus robur) en pequenas agrupacións.

- Castiñeiros (Castanea sativa) formando soutos.

- Masas adultas de piñeiros (Pinus pinaster), que malia ser unha especie cultivada, atópase naturalizada nos nosos bosques.

- Bidueiros (Betula alba) formando bidueirais na campa.

Entre estas especies mestúranse outras como o teixo (Taxus baccata), abeleira (Corylus avellana), érbedo (Arbutus unedo) ou estripeiro (Crataegus monogyna); e plantáronse dispersas por toda a superficie máis de 5.000 unidades arbustivas e herbáceas como xestas (Cytisus scoparius), breixos (Erica sp., Calluna vulgaris, Daboecia cantabrica), roseiras (Rosa sp.), fentos (Pteridium aquilinum, Polypodium vulgare, Polystichum setiferum) e madreselvas (Lonicera peryclimenum).

Con estas intervencións pretendeuse converter á Granxa do Xesto nun exemplo de sostenibilidade no que se potencie a flora autóctona galega como exemplo do noso patrimonio cultural e natural, á vez que faga unha chamada de alerta sobre o proceso de destrución ao que se encontran sometidos os nosos bosques.

Descrición

A Granxa do Xesto conta cunha importante oferta de ocio e recreativa baseada no aproveitamento e na conservación dos recursos naturais. Está a medio camiño entre un parque urbano e un monte mixto, con formacións vexetais espontáneas de aspecto natural, diferenciadas das áreas axardinadas frecuentes dos parques urbanos, xa que conta con amplos prados, lagoas e arborado de diversas especies, que se poden visitar ao longo dunha ampla rede de camiños de máis de 2.000 metros de lonxitude.

No ascenso cara o cumio do Monte Pedroso, a 461 metros sobre o nivel do mar, imos atopando rochas coma gneis e xistos, que van alternando e marcan a zona de contacto entre a grande masa de granito que forma o monte e os xistos sobre os que se asenta a cidade. Atópanse filóns de seixo e bos exemplares de pegmatitas graníticas. Tanto o Monte Pedroso como o veciño da Fontecova, están formados por masas de granito que asoman na superficie da terra e que mostran grans de diferente tamaño, aparecendo nalgúns puntos granito porfídico.

Este parque deseñouse para reflectir a riqueza forestal das masas arboradas autóctonas de Galicia, recreando pequenas carballeiras, soutos ou bidueirais, así como diferentes especies características de ecosistemas acuáticos e de matogueira.

Para o aproveitamento deportivo, esta área recreativa favorece a realización de actividades físicas a través da instalación de aparatos de entrenamento e a descrición dun itinerario para o seu correcto uso, creando un roteiro biosaudable. E canto ao aproveitamento lúdico e recreativo, no parque existe unha ampla área de xogos para nenos, mobiliario urbano e unha cafetería.

O Monte Pedroso, no que se insire o Parque Forestal da Granxa do Xesto, está catalogado como unha Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) dentro Catálogo das Paisaxes de Galicia.

Fotos actuais


Fotos antigas


Mapas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)