Parroquia
Vista Alegre-San Paio
Tipoloxía
Parque transicional
Cronoloxía
2011
Historia
O Parque Forestal da Selva Negra é unha zona verde patrimonio do Consorcio de Santiago, e está xestionada polo Concello de Santiago de Compostela, ao igual que a lindeira Granxa do Xesto.
A historia deste parque comeza no século XVII, cando por orde do concello, a veciñanza das parroquias de Marrozos, Aríns e O Eixo plantaron nesta zona carballos, xunto a unha fonte hoxe desaparecida chamada de Xián ou tamén denominada do Cardeal Espínola, situada preto de Bar de Abaixo. Todo parece semella que esa plantación arredor da fonte é o núcleo orixinal da Selva Negra. A tradición oral tamén fala da existencia nas proximidades do lugar dunha capela que hoxe en día non se conserva.
No século XVII a Selva Negra era unha leira cuxas rendas e dereitos pertencían ao concello e ao Convento de Santa Clara. Neste monte municipal, pechado cun valado, había terras agrícolas de labranza e pastoreo, que os labregos utilizaban pagando ás monxas polo seu uso, mentres que o concello reservábase o dereito a plantar e usufrutuar as árbores para o aproveitamento forestal. Segundo un documento de 1668, este aproveitamento forestal facíase pola vía da concesión; é dicir, un particular facíase coa explotación a cambio dunha renda anual.
No século XIX pasou a ser de propiedade privada. En 1908 pertencía a Ramona Mallo (viúva de Toxo). Os herdeiros desta, antes do 1944, venderon a propiedade a Ventura Villar Granjel (propietario do Bazar del Villar), que despois vendeulla ao matrimonio composto por José Daporta González e Rosita López Comunión. Finalmente, os herdeiros dos Daporta vendérona ao Consorcio de Santiago en 2007 por un importe de catro millóns de euros.
José Daporta González (1910-1989) naceu en Cuba nunha familia emigrante. Foi catedrático de microbioloxía, dono dun laboratorio de análises clínicas e da Librería Galí na rúa do Vilar, sobre a que estaba o seu laboratorio. Rosita López Comunión (1900-1982) tamén naceu en Cuba e era unha recoñecida pianista. Cara a 1960, construíron na Selva Negra un pequeno estudo onde Rosita puidese gozar da súa música, descansar ou organizar merendas as fins de semana.
A Selva Negra era un dos espazos de lecer preferidos da xente de Compostela, incluso cando era unha leira privada. A mocidade facía aquí as súas xuntanzas, había paseos, merendas e verbenas ao carón da fonte xa dende o século XIX, pois estaba permitido o libre acceso á veciñanza.
Sería de grande interese tentar de reconstruír a historia científica do lugar xa que, cando menos dende 1911, é un referente local nos traballos de campo acometidos por diferentes investigadores dos campos da bioloxía e xeoloxía.
Comparte o seu nome coa Schwarzwald, a Selva Negra do suroeste de Alemaña, o famoso macizo montañoso de fama mundial. Este insólito nome ten unha orixe descoñecida que podemos atribuírlle á súa vexetación exuberante, ás románticas ruínas dunha capela ou vivenda moi antiga ou ao arredado da súa localización. Rodeada das hortas da aldea de Bar, dos agros do Espiño e da Granxa dos Xesto, na Selva Negra a natureza amosa o seu lado máis agreste.
Actuacións
En orixe era unha área de produción forestal de escasa rendibilidade na que coexistían especies autóctonas e introducidas, cultivadas para o seu aproveitamento. Este terreo de máis de 220.000 m2 foi adquirido a comezos de 2007, aos seus catorce propietarios, polo Consorcio de Santiago, que cedeu este espazo ao Concello de Santiago de Compostela por trinta anos, aínda que a intención é que a Selva Negra pase á titularidade municipal de xeito permanente.
Tras a súa adquisición e cesión, acometeuse un programa de eliminación de especies exóticas e rexeneración dos seus valores naturais. O Plan Especial de Acondicionamento Territorial e Paisaxístico do Parque Forestal do Monte Pedroso, servirá para converter o Pedroso nun gran parque forestal público, unido á Granxa do Xesto e á Selva Negra.
A transformación deste bosque formado por 30.000 eucaliptos densos nun espazo poboado por 6.000 carballos, supón a primeira experiencia de substitución masiva de eucaliptos e acacias, especies de forte carácter invasor, por árbores autóctonas que se levou a cabo en Galicia. O obxectivo foi reverter o proceso de eucaliptización, a conservación e ampliación da carballeira e a conformación un parque natural coa plantación de especies autóctonas diversas.
Tamén se realizou un tratamento selectivo das matogueiras, para potenciar as especies existentes e proceder á implantación de novas frondosas micorrizadas para facilitar o seu crecemento e asegurar a futura presenza de cogomelos.
Recupérase un terreo profundamente afectado polos incendios sucesivos, a expansión de especies forestais de parcelas lindeiras e reforestacións, polo que as intervencións enlazáronse harmonicamente en texturas, cores, materiais e volume, co emprazamento. As intervencións en materia de vexetación orientáronse a incrementar a diversidade de especies e cromatismo, ocultar impactos e restablecer o equilibrio ecolóxico.
Hoxe a Selva Negra forma, xunto coa Granxa do Xesto, un extenso espazo verde cunha elevada biodiversidade, diferentes tipos de hábitats (bosques, prados, pequenas zonas de matogueira, cursos de auga...) e un singular contido patrimonial.
Descrición
Este gran parque da natureza é a área máis singular e que conserva máis árbores autóctonas dos que configuran o sistema de parques naturais do Monte Pedroso, xunto á Granxa do Xesto e ao propio Pedroso. Constitúe unha zona natural que se caracteriza pola existencia de masas arboradas de carballos, compostas de exemplares de grande porte.
A Selva Negra ocupa unha valgada na que se recollen as augas que caen entre as abas do Monte Pedroso e o Monte San Paio. Na parte norte, emprázase a mina construída co obxectivo de extraer auga do subsolo, que despois sería empregada para a rega.
O interese municipal respecto ao uso público do Monte Pedroso responde aos seguintes criterios:
- Interese turístico: como centro de recepción de turismo ecolóxico, arqueolóxico, deportivo, turismo ambiental e panorámica da cidade histórica.
- Valor paisaxístico: promover o seu uso como monte emblemático dende o que se poden ver as mellores vistas da cidade histórica e a súa contorna natural.
- Valor recreativo: conta con zonas de descanso e recreo, creando diferentes ambientes: carballeira, campeira, merendeiro, mina de auga, lagoa e unha rede de camiños polo monte.
- Valor ecolóxico: para restablecer o equilibrio da ecoloxía forestal e a estética ambiental fronte ás masas de repoboación.
O Monte Pedroso, no que se insire o Parque Forestal da Selva Negra, está catalogado como unha Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) dentro Catálogo das Paisaxes de Galicia.