
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Xardín urbano
Cronoloxía
2003
Historia
O Parque Luis Pasín está situado nun espazo coñecido como Monte de Conxo. Tamén aparece referido en algúns mapas antigos como Villaldía ou Santa Marta de Abaixo, debido á súa proximidade coa Capela de Santa Marta.
As orixes do asentamento de Santa Marta remóntanse á Idade Media, cando a cidade comeza a proxectarse extramuros, buscando os campos e hortas necesarios para o seu abastecemento e dar cabida a novos recintos como conventos ou establecementos sanitarios.
Os hospitais que acollían aos pobres e peregrinos adoitaban situarse dentro dos muros da cidade, mais os que trataban aos enfermos contaxiosos localizábanse nas aforas, afastados para evitar a propagación por medio do contacto cos veciños. O hospital de leprosos de San Lázaro estaba reservada aos homes, a uns dous quilómetros da cidade saíndo polo Camiño Francés cara o Monte do Gozo, mentres que a unha distancia similar, polo Camiño Portugués, estaba a leprosería de Santa Marta, no que se atendían ás mulleres.
Tanto o lazareto de Santa Marta como o de San Lázaro foron fundados no século XII. Durante a Idade Media, ambas leproserías foron receptoras de frecuentes doazóns piadosas, ao igual que os outros trece hospitais existentes na cidade.
Ao lazareto de Santa Marta chegaban enfermas de lepra e de peste de toda Galicia e Asturias, xa que cando mostraban algún síntoma da enfermidade debían achegarse ao hospital, onde pasaban corenta días illadas. Se os síntomas persistían, as persoas enfermas non tiñan outra que quedarse a vivir en Santa Marta. A pesar do medo ao contaxio, non tiñan un illamento estrito, posto que as malaterías estaban nos camiños principais da cidade, polos que transitaban continuamente viaxeiros, arrieiros e peregrinos. Aínda que en moitos casos non eran doentes de lepra senón outras enfermidades da pel que, por descoñecemento, tíñanse por ese mal.
Actuacións
Este espazo acondicionado como zona verde foi inaugurado en maio de 2003, e ocupaba unha extensión duns 20.000 metros cadrados, mais a superficie do parque foi ampliada coa área contigua tras a Capela de Santa Marta co acondicionamento do SUP-6 (Solo urbanizable programado número 6 de Santa Marta), superando os 50.000 metros cadrados na actualidade.
A zona verde foi dedicada a Luis Pasín tras o retiro deste do seu cargo como Concelleiro de Parques e Xardíns na época da inauguración do parque. Luís Pasín é un político vinculado ao Concello de Santiago desde o inicio da democracia. Nacido en 1934 no barrio de Santa Marta, é neto de Xosé Pasín Romero, e a súa influencia foi clave nos inicios políticos de Luis.
Xosé Pasín, republicano e sindicalista, foi o primeiro obreiro que accede á corporación municipal no período 1910-1934. Tamén Luis Pasín traballa como concelleiro, xa que entra no Concello de Santiago de Compostela no ano 1979, coas primeiras eleccións democráticas, polo Partido Comunista de Galicia. Despois entra nas listas do Partido Socialista como independente, e continúa como concelleiro durante outros 16 anos.
Como concelleiro ocupou diversas delegacións: tráfico, limpeza, turismo, relacións veciñais, infraestruturas, vías e obras, parques e xardíns e investimento. Estivo toda a súa vida moi vinculado ao barrio de Conxo, onde forma parte da primeira comisión veciñal contra o derrubo de vivendas da primeira reparcelación de Conxo.
Descrición
Este espazo verde está marcado polo desnivel do outeiro que ocupa, polo que os seus paseos e accesos adáptanse ás curvas de nivel que presenta o terreo. A súa configuración tamén está condicionada polos edificios anexos dedicados á ensinanza, como son o IES Monte de Conxo, o CIFP Politécnico de Santiago, o CEIP Quiroga Palacios e o CPR Divino Maestro.
O espazo verde ten forma alongada, paralela á rúa José Ángel Valente e á avenida de Ferrol. Conta con diversidade de equipamentos para distintas actividades e cunha gran diversidade de especies arbóreas e arbustivas que contribúen a calidade ambiental e de vida na cidade.
A pista deportiva e o parque infantil, situados no medio desta zona verde, aparecen rodeados de vizosas árbores e pradarías polas que percorrer esta zona verde e gozar dos momentos de lecer, xa que se crea un ambiente propicio para as prácticas recreativas, deportivas, culturais, lúdicas, festivas e medio ambientais.
O Parque Luis Pasín conta con paneis informativos para axudar á cidadanía a coñecelos mellor, parte dunha campaña emprendida en 2009 en vinte parques de Compostela. Esta campaña de difusión de información sobre os espazos verdes está sendo continuada por medio da presente web.
Os paneis colocados nos expositores situados nos parques teñen dobre funcionalidade: por un lado, serven para recoller materiais residuais de pequeno tamaño e características especiais como pilas, teléfonos móbiles ou discos compactos e, por outro, serven tamén para informar sobre actividades municipais da área de medio ambiente, especialmente relacionadas cos parques e xardíns.