mainimg
Código: par002
-
Parques E Xardíns
Localización

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Parque patrimonial

Cronoloxía

1994

Historia

O Parque de San Domingos de Bonaval ten unha superficie duns 39.000 m2 e sitúase na aba do outeiro da Almáciga, ao nordeste da cidade de Santiago de Compostela. Foi inaugurado o 24 de xullo de 1994, tras a rehabilitación do terreo sobre o que se asentaba un convento dominico que fora transferido ao Concello tras a desamortización de 1836.

Bonaval está vinculado ás figuras históricas de Bernal de Bonaval e Xoán Tuorum.

Bernal de Bonaval é un dos máis célebres autores da lírica profana galego-portuguesa nas cortes de Fernando III e Afonso X O Sabio (século XIII) e un dos primeiros en utilizar como lingua literaria o galaicoportugués. Consérvanse 19 cantigas deste xograr, nas que se cita frecuentemente o lugar de Bonaval.

No século XIV, Xoán Tuorum será unha personaxe ligada á historia de Bonaval. Este ferreiro da Porta do Camiño, foi condenado sen defensa á pena capital. Os feitos que motivaron a súa condena varían en función da fonte que se consulte:

- Liderou o enfrontamento contra o dominico Berenguel de Landoria, arcebispo de Santiago de 1317 a 1330, mais que até o 1322 non puido tomar posesión do cargo por mor da oposición e das emboscadas do pobo santiagués, que prefería ter un bispo galego e manter o realengo.

- Rebelouse contra os frades de Santo Domingo polo preito sobre o terreo baldío na rúa das Rodas, xa que consideraban que tiñan dereito de uso desas terras municipais.

Dise que Xoán Tuorum era un home bo e piadoso, que liderara o movemento popular a causa do seu espírito idealista. Foi apresado e condenado a morrer na forca do monte da Almáciga (entón chamado monte Ouriz). Ao pasar fronte ao cemiterio do Rosario, parouse a rezar á Virxe de Belén rogándolle ...ven e valme!, e caeu morto, liberándose da afronta de ser axustizado. O nome da rúa de Bonaval podería vir desta expresión, mais outras teorías din que provén da expresión latina bona vale, referíndose ao fermoso val que forman estas terras.

A repentina morte de Xoán atribuíuse a un milagre da Virxe, que así demostraba a inocencia de Xoán, ao que tamén se lle chama o Home Santo de Bonaval. Para recordalo, hai unha inscrición no tímpano da entrada do Rosario: ESTA IMAGE E HE AQVI POS TA POR ALMA DE IHA TVORUM ERA MCCCLXVIII.

Autores como Filgueira Valverde, Neira de Mosquera ou Pérez Lugín recollen o mito vinculado a este personaxe nas súas novelas, inmortalizándoo na literatura. Tamén testemuñan estes feitos a Fonte do Home Santo no Campo da Angustia e o Cruceiro do Home Santo, que podemos atopar ao fondo da costa de San Domingos, na Praza da Porta do Camiño ou 8 de Marzo, que segundo a tradición foi levantada polo Concello en 1330 para lembranza de Xoán Tourum.

O convento de San Domingos conéctase tradicionalmente co centro histórico de Santiago de Compostela por medio da Porta do Camiño, unha das antigas entradas cando a cidade aínda contaba coa cerca defensiva que a rodeaba e á que se chega a través da costa de San Domingos.

Os seus artífices foron o arquitecto Álvaro Siza (premio Pritzker no 1992) e a arquitecta-paisaxista Isabel Aguirre de Urcola, dentro da remodelación e posta en valor da zona realizada ao crearse o espazo museístico formado polo Museo do Pobo Galego e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). O espazo debía acondicionarse para crear un parque público e acompañar aos novos museos, integrándose co antigo convento. Siza emprende a actuación un ámbito que o fascinara coas súas plataformas invadidas pola vexetación e contidas por muros medio destruídos.

Este espazo foi gañador do Premio Nacional de Arquitectura Manuel de la Dehesa, na IV Bienal de Arquitectura Española de 1997, concedido polo Ministerio de Fomento, o Consejo Superior de Arquitectos de España, a Universidad de Alcalá de Henares e a Universidad Internacional Menéndez Pelayo. A intervención de Siza foi completada en 2005 co proxecto de Víctor López Cotelo na rúa da Caramoniña, lindeira co muro de peche do parque.

Actuacións

Esta zona da cidade comezou a deteriorarse principalmente a partir de 1960, cando cesa o seu uso como cemiterio. En 1948 o arquitecto Francisco Pons-Sorolla comezou a restauración do antigo convento, e reorganizáronse os xardíns da Porta do Camiño para os anos santos de 1954 e 1965, mais o espazo vexetal que rodeaba o convento deixouse de lado nestas tarefas, coa conseguinte degradación da finca e o cemiterio.

En 1988 anunciouse no BOE 241 do 7 de outubro o proxecto de construción dun parque urbano en terreos de propiedade municipal nas hortas do convento de San Domingos de Bonaval e o antigo cemiterio municipal de Santiago. Integraríase ao complexo cultural formado polo Museo do Pobo Galego, Panteón de Galegos Ilustres e a Escola Taller de Restauración, culminándose coa restauración da igrexa e a parte sur do convento de Santo Domingos, e a creación dun edificio para sede do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Encargóuselle a Siza a creación do CGAC e a restauración da finca do convento xunto con Isabel Aguirre, que elaboran os primeiros bosquexos do proxecto a partir duns planos da cidade de 1796 e 1907, que se van modificando debido aos numerosos restos que van xurdindo no terreo cando avanzan as labores de limpeza do recinto. Debido a isto, a intervención tivo que adaptarse en función dos restos que ían aflorando nunha finca abandonada e totalmente chea de maleza.

A intervención de acondicionamento busca resolver as necesidades propias dun parque público e respectando os elementos preexistentes. Os elementos esenciais da rehabilitación son os seguintes:

- Pedra: abunda no parque, xa que está presente en muros, camiños, ramplas, escaleiras, edificios e estruturas funerarias. Nas obras de rehabilitación, refixéronse os muros de xisto e granito, consolidáronse as estruturas dos nichos, e recuperouse o trazado dos antigos camiños, utilizando lastras, lousas de granito ou vellas lápidas funerarias sen uso.

- Auga: a auga percorre todo o parque, a través dun desnivel de 35 metros existente entre a carballeira e a parte baixa das hortas. Para facilitar o seu tránsito, limpáronse as fontes, lavadoiros e mananciais existentes e creáronse novos estanques e fontes; canalizando a auga cara un novo depósito subterráneo, situado baixo o xardín xeométrico, que recolle a auga que mana da mina da carballeira para abastecer ao parque da súa propia auga para a rega.

- Vexetación: tratouse de conservar o arborado existente ou reconstruír o que se cre que había en base ao plano de 1907, creando o xardín xeométrico cun trazado similar e repoñendo as árbores que formaban a carballeira. Conserváronse as dúas camelias e as catro árbores froiteiras sobreviventes da horta, combinadas con novos exemplares dispersos que mesturan especies caducas e perennes, mais deixando despexado o espazo que enmarca as mellores vistas sobre a cidade.

Descrición

Para chegar ao Parque de San Domingos de Bonaval, súbese cara o Campo da Angustia polas rúas de Bonaval e do Rosario, e rodean o parque as rúas da Costiña do Monte, Teo, Caramoniña e Ramón del Valle Inclán, que cambiaron profundamente coa rehabilitación deste espazo verde e a construción do Centro Galego de Arte Contemporánea e outros edificios como os da Caramoniña ou do Colexio de La Salle.

A Porta do Camiño é un punto moi importante para a cidade e a súa historia. Por aquí entran os peregrinos que veñen de Castela e de Francia, os reis e os novos arcebispos que tomaban posesión. Na Porta do Camiño atopamos unha fonte de granito situada por debaixo do nivel da rúa, polo que ten catro chanzos de acceso. Ten corpo cadrado rematado en cornixas, pináculo e alcachofa, e decórase co escudo da cidade e con cartelas nas que aparece a inscrición: Por el Ayuntamiento. Año de 1834, mais os escritos mostran que existía xa no século XVI. Conta con dous canos dos que mana a auga coa que os peregrinos se lavaban despois do longo Camiño Francés. Antigamente estaba pegada á muralla e contaba cun pío onde dar de beber aos animais.

A ruela da Caramoniña está axardinada en terrazas, nun proxecto do arquitecto Víctor López Cotelo, e ten un dos catro accesos ao parque de Bonaval, conectando a carballeira e a rúa cunha cancela inaugurada en 2010. Outra das conexións da carballeira co exterior é a porta cara a rúa de Teo. O cemiterio conéctase coa rúa de Bonaval a través da Porta da Memoria, e a área da antiga horta ten a entrada a través da Costa de San Domingos, pasando entre o CGAC e o Museo do Pobo Galego.

Este parque urbano é un dos máis fermosos da cidade, e dalgún xeito quíxose manter a aparencia do terreo na época de actividade do convento de San Domingos de Bonaval. Para isto, o espazo conta con tres diferentes zonas, situadas a distintos niveis de altura e divididas por muros de xisto, pedra predominante no solo da cidade de Santiago de Compostela. Estas zonas son as seguintes:

- A parte inferior, que os monxes do convento utilizaban como hortas (Área da horta). Neste área os frades cultivaban legumes, froitas, viñas e especialmente centeo, nun espazo situado ao pé do cemiterio. Tamén era onde estaba situado o xardín de herbas medicinais coas que nutrían a súa botica, e que foi restaurado en forma de xardín xeométrico. Nesta parte, na que se recuperaron as vellas murallas, mananciais e vexetación, foi situada a escultura de Eduardo Chillida chamada Porta de Música. Nos muros de contención sitúase un sistema de elegantes ramplas para facilitar a accesibilidade. Na entrada conserváronse as pequenas casas como elemento de referencia de escala.

- Antigo Cemiterio Xeral de Bonaval, utilizado como tal entre 1837 e 1960. Nesta zona respectouse a arquitectura funeraria, combinando as nicherías desacralizadas coa implantación de novos xardíns e as fermosas vistas panorámicas da cidade histórica. Na parte alta situouse en 1998 a escultura Espazo Crómlech Ocupado, de Leopoldo Nóvoa. É unha zona que permite a realización de diversos eventos na actualidade.

- A carballeira de Bonaval. Esta zona, separada do antigo cemiterio un muro de pedra, está na parte máis alta do parque e ten un forte desnivel, resolto mediante sendeiros curvos e plataformas. Aquí colocouse a primeira antena de radio de Galicia en 1933, e quedan restos ademais dunha mina de auga e un lavadoiro.

Bibliografía

BLANCO HERVÉS, R. Del cementerio al jardín. El parque de Santo Domingo de Bonaval en Compostela (1991-1994). Santiago de Compostela

FRAGA, M.I. Guía verde Santiago de Compostela. Alvarellos, Santiago de Compostela, 2010

CABO VILLAVERDE, J. L. - COSTA BUJÁN, P. Imaxe de Compostela: unha cidade de pedra nas vellas fotografías. COAG, Santiago de Compostela, 1991

COSTA BUJÁN, P. Evolución urbana y cambios morfológicos. Santiago de Compostela, 1778-1950, Santiago de Compostela, 2013

COSTA BUJÁN, P. Santiago de Compostela, 1850-1950: desenvolvemento urbano outra arquitectura. 1989, Santiago de Compostela

FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, C.M. - SÁNCHEZ GARCÍA, J.A. - DURÁN VILLA, F.J. Asilos de la muerte. Higiene, sanidad y arquitectura en los cementerios gallegos del siglo XIX. 2005, Santiago de Compostela

ESTÉVEZ FERNÁNDEZ, X. Siza Vieira y el CGAC: Santiago de Compostela, veinte años de planeamiento y arquitectura. 2010

FREIXANES, V. F. Primeiros pasos do galego na radiodifusión (1933-1936): a primeira radio galega. 2003

MANEIRO VILA, A. Unión Radio Galicia. A emisora do Estatuto

MARTÍ ARÍS, C. Santiago de Compostela: la ciudad histórica como presente. 1995

Informe a la municipalidade de Santiago sobre el local destinado para Cementerio General. Santiago de Compostela, 1843

AGUIRRE DE URCOLA, I. La arquitectura del paisaje. Jornadas Internacionales sobre Paisajismo

Fotos actuais


Fotos antigas


Mapas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)