Zona verde
Parque de Brandía
Parroquia
Laraño
Historia
Tanto os plátanos de sombra como as camelias son especies arbóreas suntuosas, plantadas tradicionalmente nos xardíns dos pazos como símbolo de status social e de elevado poder adquisitivo dos seus donos. Outras destas especies pacegas son os magnolios (Magnolia grandiflora) ou os alciprestes (Cupressus sempervirens), pois como se soe dicir: Palomar, capilla y ciprés, pazo es.
Continuando coa tradición dos hortus das vilas romanas e dos mosteiros da Idade Media, nas grandes residencias establecíase un xardín hortícola, onde a elección das especies era con fins utilitarios mais sen descoidar na súa organización a finalidade ornamental, para lograr certa ordenación e disposición estética. Estes coidados hortus medievais evolucionarán cara os xardíns dos pazos e das casas señoriais galegas, residencias das familias poderosas cuxa vexetación adxacente servía para incrementar o rango simbólico do poder e status da familia, ao igual que a arquitectura de ostentación que adoitaba caracterizar á vivenda.
Os xardíns servían como espazo de respecto, para incrementar o efecto da arquitectura do edificio principal nos visitantes, complementar o resto da vexetación hortícola e forestal do terreo, e para engadir un lugar de ocio, recreación e esparexemento. Estes xardíns centrábanse no cultivo de especies ornamentais e exóticas, entre as que destacaba o uso da camelia. Tamén aparecen diversas plantas procedentes de afastados países, que chamaban a atención pola súa floración ou pola coloración das súas follas. Este afán por adornar as casas con plantas alóctonas redundou na gran riqueza botánica dos xardíns, facilitado polo clima oceánico e a fertilidade do solo galego, xa que permitía o crecemento das plantacións máis variadas.
Descrición
O paseo de entrada conecta o antigo curtidoiro e vivenda coa súa contorna, xa que sae da edificación en dirección aos veciños núcleos urbanos de Santiago de Compostela e de Conxo, que era un concello independente até que foi anexionado en 1925.
Este acceso sitúase a continuación do peche da Villa Rial, caracterizado por un portelo de rexería que aínda se conserva para manter a unidade de composición e ambiental da edificación principal. Conforma un paseo axardinado que foi concibido como área de lecer, na que destaca a finalidade estética e estancial. Este xardín está poboado por exemplares arbóreos ornamentais que formaban unha dobre aliñación ao longo do camiño da entrada, nunha alternancia de especies creada con plátanos de sombra (Platanus hispanica) e camelias (Camellia japonica). Estas dúas especies arbóreas teñen características complementarias que logran unha combinación harmónica para o xardín da entrada.
As camelias son plantas perennifolias mentres que os plátanos caducifolias. No verán, a follaxe dos plátanos oculta parcialmente as camelias logrando todo o protagonismo da estampa mentres que no inverno, ao espirse os plátanos das súas follas, permiten que sexan as camelias as que destaquen no conxunto, permitíndonos gozar da súa espectacular floración invernal.
Os plátanos son árbores que alcanzan moita altura debido ao seu rápido crecemento, mentres que as camelias son arbustos ou pequenas árbores de crecemento lento. Mentres que o tronco dos plátanos vai formando vistosas placas de cores ocres e verdosas, ao xeito dos tecidos de camuflaxe, a cortiza da camelia é lisa e de cor grisácea. Por outro lado, as grandes follas dos plátanos son de cor verde vivo na face e máis claras no envés, mentres que as da camelia son de cor verde intenso, coriáceas brillantes e pequenas.