
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Cronoloxía
1835-1902
Historia
Os traballos desenvolvidos para crear este paseo e para comunicalo coas zonas inmediatas prolongáronse durante décadas. O proxecto que enmarca toda a intervención é de 1831, do arquitecto Blas Galiano. Estaba xa organizado en varios tramos, un deles especificamente deseñado para o tempo de inverno, con pouca vexetación que tapase o sol.
En 1835 comezou o desmonte da aba do outeiro de Santa Susana pero non será até mediados dese século que concluiría unha parte da obra; foi baixo o pulo económico e liderado do marqués de Bóveda, por iso ese tramo do paseo leva o seu nome.
Esta obra foi determinante na vida e economía urbana daquel tempo, pois deu traballo e xornal a moitos veciños da cidade e das aldeas da contorna que caeran na pobreza na crise agraria dos anos 1852 ao 1855, sobre todo naquel dificilísimo ano 1853, alcumado para sempre como o ano da fame. O Concello deseñou un programa de obras públicas que foi apoiado polos próceres da cidade.
O paseo das Boas Vistas comezou a tomar forma na década de 1870, conformando o que hoxe chamamos paseo de Bóveda e paseo das Letras Galegas. Anos despois virían os camiños que abren esa zona cara ao Campo do Gaio e máis tarde o que pecha o circuíto e chega até a igrexa do Pilar.
É un lugar moi frecuentado pola veciñanza, tanto para pasear como para facer deporte; e tamén polos visitantes que poden desfrutar de panoramas singulares sobre a cidade. Máis alá das vistas o paseo é un pequeno xardín botánico, pois foi enriquecido con todo tipo de especies vexetais locais e, sobre todo, exóticas nun conxunto que destaca pola súa harmonía.
Descrición
Aínda que hoxe entendemos que este paseo arredor do outeiro de Santa Susana é parte indispensable do parque, o certo é que é un engadido tardío e que se foi configurando pouco a pouco. O paseo toma o seu nome da forma que ten e comprende varias zonas diferenciadas cada unha coa súa vocación e nome: o paseo dos Leóns -o máis panorámico-, o de Bóveda -que mira cara ao monte Pedroso- e o das Letras Galegas -con vistas inmellorables ao Campus Sur e ao val da Amaía.
Pasealo aínda hoxe é facer un percorrido case cinematográfico, pois a cidade amósase en cadros escénicos enmarcados pola vexetación nos diferentes miradoiros.