
Tipoloxía
Sendeiro
Historia
A cidade de Santiago de Compostela empregou a auga do río Sar historicamente, primeiro para abastecerse e despois, para realizar os seus vertidos de augas residuais. Este río nace nas proximidades da cidade, polo que é un pequeno regueiro de menos de 4 metros de ancho e uns decímetros de profundidade nos seus tramos altos. Conforme va incorporando a conca receptora dos seus afluentes, vai aumentando tamén o seu caudal, sen embargo o Sar apenas leva 500 m/l no verán.
Santiago de Compostela foi unha gran produtora de todo tipo de manufacturas, desde as tradicionais pezas de acibeche e pratería, pasando pola produción de libros, os tecidos e a máis descoñecida industria do coiro. As diversas referencias á devandita actividade aparecen xa na Idade Media, con pequenos establecementos vinculados aos espazos da contorna da muralla e xestionados pola Confraría da Encarnación.
Posteriormente, os pelamios ou píos para curtir comezan a situarse en puntos máis afastados da cidade. Será pois cando os ríos Sar e Sarela marquen os eixos nos que o crecemento industrial teña unha gran relevancia, protagonizado por varias fábricas que funcionaron desde finais do século XVIII con maior ou menor puxanza. No século XIX chegaron a contar con 25 establecementos fabrís dedicados a fabricar coiros.
Tamén destaca a presenza doutras pequenas industrias vinculadas ao río Sar como son os muíños e a fábrica de papel, así como outras estruturas coma pontes, lavadoiros ou canles, que modifican o curso do río e dan constancia da súa importancia no desenrolo urbano da cidade de Santiago de Compostela.
Descrición
Compostela conta cunha ampla rede fluvial de máis de 230 quilómetros de ríos, como no caso dos ríos Tambre ou Sionlla, que contan con moitas ribeiras de gran valor natural recoñecido coa súa inclusión na Rede Natura, conxunto de espazos naturais de interese europeo.
Dise que a cidade de Santiago está situada entre os ríos Sar e Sarela, mais o termo municipal tamén se sitúa entre dúas grandes cuncas fluviais: a do Tambre e a do Ulla, río ao que alimentan as augas do Sar e do Santa Lucía, entre outros. A estes hai que sumarlles outros moitos ríos, tributarios dunha ou doutra cunca, que ás veces son pouco coñecidos como o río Gatofero, na parroquia da Grixoa; o río de Roxos, que no límite con Ames desemboca no Sar, ou o río do Porto, que ao seu paso por San Lázaro verte as súas augas tamén no Sar.
O río Sar nace nos altos de Meixonfrío, forma un val en dirección nordeste-suroeste; atravesa as Brañas de Sar e o Parque Eugenio Granell, e despois de recibir as augas do río Sarela, beirea o Parque de Brandía e finalmente desemboca no río Ulla en Padrón. Un treito do Río Sar está incluído na Rede Natura 2000.
A cobertura do bosque de ribeira no Sar só acada de media o 33%, o que nos indica unha gran deforestación a causa da actividade humana e, polo tanto, unha posible perda do seu caudal natural. Conserva sen embargo algunhas zonas destacables como as Brañas do Sar, un espazo limitado pola vía do ferrocarril e o Monte Gaiás que abrangue unhas 33 hectáreas. Constitúen un sistema ambiental complexo, con áreas inundables e unha vexetación específica, condicionada polo tipo de solo e o réxime hídrico.
Tamén é recomendable unha visita ao río Sar polo Parque de Brandía: un paseo entre plátanos e camelias leva ao antigo Curtidoiro da Ponte Vella de Vidán, onde o río é en parte desviado á canle que dotaba de auga á antiga Fábrica de Papel de Laraño. O camiño discorre entre ambas beiras, conservando unha interesante vexetación de ribeira.