mainimg
Código: SC003
-
Sendeiros de Compostela
Información

Tipoloxía

Sendeiro

Historia

Debido á proximidade a Compostela, o aproveitamento das augas tivo unha gran importancia até hai ben pouco, facendo desta unha importante área destinada á produción de fariña e curtido do coiro, como revela a antropización da paisaxe na contorna do Sarela. Canles, pontellas, pías e presas supuxeron a alteración do caudal natural do río co desvío das augas para a rega e o aproveitamento para forza motriz dos muíños ou encher as pías dos curtidoiros, que desempeñaron un relevante papel no desenvolvemento económico da cidade, fundamentalmente dende mediados do século XIX até a metade do XX. Un elemento máis que mostra a importancia da auga en toda a área é a aparición de diferentes lavadoiros comunitarios.

Santiago de Compostela foi unha gran produtora de todo tipo de manufacturas, desde as tradicionais pezas de acibeche e pratería, pasando pola produción de libros, os tecidos e a máis descoñecida industria do coiro. As diversas referencias á devandita actividade aparecen xa na Idade Media, con pequenos establecementos vinculados aos espazos da contorna da muralla e xestionados pola Confraría da Encarnación.

Posteriormente, os pelamios ou píos para curtir comezan a situarse en puntos máis afastados da cidade. Será pois cando os ríos Sar e Sarela marquen os eixos nos que o crecemento industrial teña unha gran relevancia, protagonizado por varias fábricas que funcionaron desde finais do século XVIII con maior ou menor puxanza. No século XIX chegaron a contar con 25 establecementos fabrís dedicados a fabricar coiros.

Tamén destaca a presenza doutras pequenas industrias vinculadas ao río Sar como son os muíños e a fábrica de papel, así como outras estruturas coma pontes, lavadoiros ou canles, que modifican o curso do río e dan constancia da súa importancia no desenrolo urbano da cidade de Santiago de Compostela.

Descrición

Compostela conta cunha ampla rede fluvial de máis de 230 quilómetros de ríos, como no caso dos ríos Tambre ou Sionlla, que contan con moitas ribeiras de gran valor natural recoñecido coa súa inclusión na Rede Natura, conxunto de espazos naturais de interese europeo.

Dise que a cidade de Santiago está situada entre os ríos Sar e Sarela, mais o termo municipal tamén se sitúa entre dúas grandes cuncas fluviais: a do Tambre e a do Ulla, río ao que alimentan as augas do Sar e do Santa Lucía, entre outros. A estes hai que sumarlles outros moitos ríos, tributarios dunha ou doutra cunca, que ás veces son pouco coñecidos como o río Gatofero, na parroquia da Grixoa; o río de Roxos, que no límite con Ames desemboca no Sar, ou o río do Porto, que ao seu paso por San Lázaro verte as súas augas tamén no Sar.

O río Sarela, cuns 10 quilómetros de longo e un caudal medio de 500 l/s, acompaña polo oeste a cidade de Compostela. Cumpriu un papel fundamental no desenvolvemento humano da zona ao prover de auga para uso agrario, doméstico ou industrial: ademais dos muíños, foron moitas as fábricas de coiro que traballaron ao abeiro das súas augas; e tamén abasteceu de pesca e serviu para os xogos e o baño, cumprindo tamén unha función recreativa. Foi, así mesmo, un río que sufriu moitas modificacións; desde as desviacións da súa auga para levala aos muíños e a ocupación das beiras do canal con muros, estradas e outras estruturas, até agresións máis recentes como a deforestación ou os vertidos. Non obstante, desde hai uns anos iniciouse un proceso de recuperación que inclúe labores periódicos de limpeza do leito, eliminación de vertidos, acondicionamento das beiras, restauración de elementos patrimoniais, habilitación dun paseo fluvial...

Ademais, o río e veiga do Sarela están notablemente modificados pola tradicional produción agraria. Integrados nun mosaico de prados e cultivos, os fragmentos remanentes de vexetación nativa refúxianse nun estreito bosque de ribeira, con pequenos ameneirais e algúns carballos illados, destacando sobre todo a relevante diversidade de zonas húmidas que integran a rede de canles, regatos, brañas e zonas enchoupadas que acompañan ao canle principal do río e os seus afluentes.

No leito do río destaca a presenza do pé de boi (Oenante croccata), moi común nos ríos de Galicia, capaz de colonizar tanto o medio acuático coma o terrestre, aparecendo tamén entre a vexetación da ribeira. Nas canles de pouca corrente configúranse refuxios onde se agochan as ras, cobras e moitos invertebrados acuáticos, e aparecen especies vexetais menos esixentes en osíxeno como a espiga de auga (Potamogeton natans).

Na ribeira e nas pequenas depresións da proximidade do río, aparecen plantas con gran capacidade de soportar as flutuacións anuais de auga, destacando a presenza de abundantes fieitos e unha ampla variedade vexetal que alberga importantes comunidades animais de invertebrados, anfibios e micromamíferos.

Ao carón do curso da auga esténdese unha longa banda de bosque de ribeira, con frecuencia reducida a unha estreita ringleira xa que o bosque das veigas foi substituído polos cultivos e praderías. Esta ripisilva está protagonizada polo ameneiro (Alnus glutinosa), acompañado por salgueiros (Salix atrocinerea), loureiros (Laurus nobilis) e sabugueiros (Sambucus nigra) cubertos polas plantas gabeadoras. Un bosque húmido dominado polos ameneiros atópase entre a Ponte do Avío e Lermo.

O elevado nivel freático permite o establecemento dun abondoso sotobosque, que debido á actividade agraria abonda de herbas nitrófilas e ruderais. Nas marxes do río proliferan as silveiras (Rubus sp.) cumprindo unha importante función na rexeneración do bosque e ofrecendo refuxio para todo tipo de fauna. As carballeiras redúcense a pequenas manchas moi fragmentadas, dispersas e alteradas pola actividade humana; aparece unha arredor da fábrica de curtidos de Pontepedriña, e tamén no camiño das Barcias.

O río conserva valores ambientais e patrimoniais que cómpre coñecer e valorar; cargado coa memoria do pasado recente, o río segue vivo e cambiante, ofertando espazos e especies novas con cada crecida e con cada estación. Achegarse ao río e percorrer as súas beiras é ampliar coñecementos, mais tamén un medio para recoñecelo e valoralo como fonte de vida e de recursos.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)