
Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Historia
A finais do XIX podemos ver nos xardíns residenciais galegos un incremento da influencia da xardinería urbana, que fixera a súa aparición na primeira metade do XIX. As grandes mansións burguesas incorporan as disposicións e plantacións típicas dos parques urbanos e as zonas verdes da cidade, con grutas, roseiras e avenidas verdes. A tendencia máis difundida nesa etapa é a disposición fronte á entrada principal das avenidas arboradas.
Estas avenidas verdes organizáronse como prolongación dos xardíns das residencias, formando paseos que conectan a entrada principal desde o muro de peche coa fachada da casa. Deste modo créase un eixo de acceso que incrementa o efecto perspectivo desde a entrada e aumenta a magnificencia da vivenda.
A disposición das árbores en liña aos bordos dun camiño provén da tradición dos campos de feira e as plantacións ordenadas en fileiras. Tamén se toma dos accesos das casas de campo e mansións rurais inglesas, así como dos paseos e alamedas urbanas. Nas grandes avenidas das cidades como no Eixample de Barcelona, deseñado por Ildefonso Cerdá, empezáranse a plantar plátanos aliñados nas rúas xa a principios do século XIX.
As árbores de aliñación están representadas por unha ampla diversidade de especies como Morus, Catalpa, Paulownia, Acer, Acacia, Ulmus, Tilia, Populus... Os Platanus son as árbores referentes históricas, con maior presenza en sitios patrimoniais ou que forman parte da identidade da cidade, caracterizando prazas cívicas e aliñacións en avenidas e bulevares, polo que se destacou en todo o mundo como árbore urbana por excelencia.
Descrición
A plantación de árbores responde a moitas finalidades: demarcar límites e zonas, proporcionar illamento ou crear barreiras visuais, protexer do vento, do sol ou do ruído, embelecer ou dar sombra en espazos de recreo ou esparexemento como parques e prazas. Para todas estas finalidades poden ser utilizados de xeito illado, formando pequenos grupos, grandes masas ou formando aliñacións.
Os plátanos de sombra (Platanus x hispanica) nas aliñacións dos paseos plántanse habitualmente a unha distancia duns 5 metros na liña, conformando unha bóveda ou túnel cos anos. Están colocados con certa irregularidade, pois en lugar de formar parellas enfrontadas respectando un marco de plantación, atópanse dispersos nos bordos do camiño.
Aínda que non é perfecta, as especies arbóreas e arbustivas van tomando certa dualidade que crea un marcado eixo de simetría cara a residencia principal, mostrando aos lados do camiño dúas liñas de plátanos, dúas esculturas, dúas palmeiras canarias (Phoenix canariensis) e dous abetos do Cáucaso (Abies nordmanniana).
Entre os pés dos plátanos de sombra do paseo medran hortensias (Hydrangea macrophylla) que crean unha fermosa alternancia. Nas proximidades de Casa Europa tamén podemos atopar outras especies como un pitósporo (Pittosporum tobira), ameixeiras xaponesas (Prunus cerasifera var. Pisardii) ou acivros (Ilex aquifolium).
Na base das escaleiras hai un pequeno xardín de andrómedas (Pieris japonica), uns pequenos arbustos perennifolios procedentes de Xapón, de follas de cor avermellada nas marxes e nos brotes novos. A mediados de primavera adórnase cos seus acios de flores brancas en forma de farol chinés.
Tamén destaca a presenza, no lateral do paseo cara o Museo de Historia Natural, de varios galáns vermellos (Cestrum elegans), procedentes de México, e de deucias (Deutzia x magnifica) ao outro lado do camiño, procedentes de China. Estas especies arbustivas destacan pola súa fermosa floración e o seu exotismo.