
Zona verde
Parque Carlomagno
Parroquia
San Fructuoso-San Lázaro
Historia
O Parque Carlomagno está situado no extremo leste da cidade de Santiago de Compostela, contido na ampla valgada aberta cara o sur entre o Monte da Almáciga e o Monte de San Lázaro ou Alto da Canteira. Vinculado ao acceso á cidade histórica polo Camiño Francés, os seus paseos complementan esta ruta vinculándose con ela xa que, ao igual que o peregrino transita pola rúa de San Lázaro co obxectivo de chegar á Catedral, tamén pode desviarse polos paseos do parque para facer un descanso no camiño ou ter un momento de lecer.
O parque concentra as pendentes máis pronunciadas de todo o barrio, polo que este forte condicionante topográfico determina a posición destes paseos dentro do espazo verde, así como doutros elementos no parque, posto que se aproveita o desnivel para a colocación de fontes e a creación de liñas de perspectiva grazas á situación privilexiada como miradoiro sobre a cidade e a súa contorna.
Descrición
O Monte de San Lázaro ou Alto da Canteira elévase a uns 326 metros sobre o nivel do mar, cunha inclinación considerable dende a valgada na que está situada a zona residencial das Fontiñas. Os condicionantes topográficos son empregados dende o planeamento e a ordenación do espazo verde, dun xeito máis acorde para que o trazado dos seus paseos discorran polas zonas hipsométricas máis favorables, ascendendo cara o cumio na procura das vistas, ou ben descendendo cara o encontro do río Sar, nas Brañas de Sar.
O paseo superior aproveita esta posición en ladeira, así como a súa condición para non ocluír as liñas de horizonte, facilitando as visións panorámicas da paisaxe e da cidade circundante.
Dúas liñas de lamigueiros (Populus nigra) franquean o paseo superior en ambas beiras. Establecen un ritmo continuo e unha imaxe homoxénea ao parque, mais que non bloquean o acceso visual ás fermosas vistas paisaxísticas existentes ao longo de todo o paseo.