
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Pazo
Cronoloxía
1216
Historia
Os buxos do xardín claustral remóntanse ao século XVII e ocupan o espazo cadrado do patio, cunha estrutura marcada por dúas rúas que se cruzan no medio, a semellanza do cardo e decumano, característicos da planificación urbanística das cidades e fortificacións que o Impero Romano construíu no noso territorio.
As catro zonas de buxo formadas polas sebes conteñen debuxos alegóricos, formados grazas á planificación na plantación destes arbustos e á arte da topiaria, recortando ás plantas para crear as figuras. As formas das sebes aluden a símbolos alegóricos da fe cristiá como a cuncha de Santiago Peregrino ou diversos tipos de cruces, así como outras formas de máis complexa identificación debido a que co paso do tempo os arbustos foron medrando e modificando a súa forma e disposición, quedando ocultos, quizais para sempre, en enigmática composición.
Descrición
No ano 1216 foi fundada unha pequena ermida dedicada a San Lourenzo, polo Bispo de Zamora Marín Arias, orixinario de Santiago, e cuxa bula de fundación, dada polo rei Alfonso IX de León, consérvase no arquivo da Catedral de Santiago. Nos seus comezos foi unha pequena igrexa para unha comunidade de sacerdotes.
Posteriormente, no século XV, pasou a ser propiedade dos Condes de Altamira. Estes cederon o usufruto do mosteiro á Orde Franciscana, que o ocupou até a desamortización de Mendizábal ocorrida no século XIX, incautándose del o Estado. Os actuais propietarios son os Duques de Soma y de Medina de las Torres.
Da primeira construción románica quedan restos na parte inferior da igrexa. O altar maior e as estatuas orantes dos marqueses de Ayamonte, atopábase en Sevilla na Igrexa de San Francisco. Ao ser derrubada esta igrexa en 1882, a Duquesa de Medina de las Torres instalounos no mosteiro. Son obra italiana de comezos do século XVI, executada en mármore de Carrara polos irmáns Aprile e Pier Angelo de la Scala.. No século XVIII constrúese o claustro, a sancristía e o cruceiro, transformándose nunha igrexa de planta de cruz latina, cunha nave de catro tramos e bóveda de canón. O claustro presenta dúas alturas con arcos de medio punto. Tamén do século XVIII é a imaxe da Virxe co Neno, que se atopa no altar lateral, sendo obra do escultor sevillano Martínez Montañés. En 1760 faise unha fornela na portada lateral coa imaxe de San Lourenzo.
Os xardíns, sombreados e frondosos, son do século XIX, conservando a traza orixinal conventual e o estilo romántico da época. As camelias, magnolios, faias, azaleas, hortensias, dalias, gardenias, laranxeiros e carballos centenarios, destacan entre as máis de 100 especies vexetais distribuídas por toda a finca do pazo, que conta con varias partes diferenciadas: o xardín en terrazas, o paisaxista, o hortícola e o bosque. Na carballeira do Pazo de San Lourenzo pasou longos momentos, inspirándose para os seus versos, Rosalía de Castro.
O claustro agocha a máis relevante peza da xardinería xeométrica galega, dende o punto de vista relixioso, e a máis valiosa xoia do pazo. O monumento vexetal tallado en buxo, que destaca tanto polo seu simbolismo, como pola súa lonxevidade (400 anos), é perfilada varias veces ao ano por un mestre xardineiro. Sobre a mina de auga situada no corazón do claustro, érguese unha fermosa imaxe da Virxe, datada do século XV.
No 1979 declarouse Monumento Histórico Artístico no ano 1979. Deste xeito, como BIC (Ben de Interese Cultural), a igrexa, os xardíns e o claustro do Pazo de San Lourenzo poden ser visitados os martes e xoves de 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00, concertando cita previa no número 665780304.