
Zona verde
Praza de Galicia
Parroquia
San Fructuoso
Historia
O xénero da glicinia (Wisteria sinensis) está dedicado a Caspar Wistar (1761-1818), un profesor de anatomía na Universidade de Pensilvania. Sinensis é unha forma latina que fai referencia a China, lugar de procedencia e de onde é endémica. Foi traída a Europa en 1816 por un mariño inglés chamado Capitán Welbank, namorado da beleza desta planta tras cear cun rico comerciante chinés en Cantón baixo unha pérgola do que os cantoneses chamaban zi ten (viña azul) polo parecido no cheiro de ambas especies.
É unha planta rubideira de folla caduca, composta e imparipinnada, similar á dos freixos. Os froitos son legumes aplanadas, aveludas, que conteñen sementes discoides que maduran no verán liberándose, mais as vaíñas baleiras persisten durante o inverno.
As pólas da glicinia chinesa enróscanse sempre cara a esquerda, no sentido contrario ás agullas do reloxo, unha característica común a case todas as plantas rubideiras do hemisferio norte nun fenómeno causado pola rotación terrestre.
Xunto coa glicinia xaponesa (Wisteria floribunda), é unha das flores máis románticas da xardinería, mais tamén son moi comúns para realizar bonsais. Non son poucos os xardíns onde se utilizan para dar unha nota de cor, sobre todo na primavera cando florecen. Normalmente colócanse en espaldeira, sobre paredes e soportes adecuados, para crear un toldo natural que aporte sombra e verdor nos días cálidos do verán.
Descrición
As glicinias poden alcanzar até 20 metros de altura e expandirse 10 metros lateralmente. É unha planta de rápido crecemento, cun madeiro que aumenta de grosor rapidamente, o que lle dá un aspecto robusto similar ao da parra. O colorido vistoso e o perfume das flores en primavera, a densidade de follas en verán e a nudez do inverno, fan da glicinia a rubideira ideal para cubrir muros, patios, soportais e pérgolas en zonas cálidas.
De ladrillo, madeira, pedra, formigón ou metal, unha pérgola ou quiosco no xardín crea un ambiente recollido e idílico grazas ás plantas rubideiras como roseiras, glicinias, xasmíns... Neste caso, as pólas da glicinia abrázanse á estrutura de madeira e metal desta pérgola para trepar polas columnas cara o teito da estrutura, desde onde descolga as follas, as flores e os froitos.
Moitas veces as pérgolas dispóñense a modo de soportal, apoiándose na parede dun edificio, ou son un recurso para cubrir sendeiros, creando paseos sombreados. Outro tipo de estruturas, completas e independentes, son os quioscos ou ceadores, colocados en lugares recollidos para gañar un espazo que é todo un escenario onde gozar cos sentidos do pictoricismo da natureza.
Neste caso, a pérgola da Praza de Galicia substitúe á oficina de turismo que ocupaba este espazo na praza antes da súa reforma no ano 2013. O edificio foi trasladado á Praza da Constitución, tras o Parlamento de Galicia. Con este cambio pretendíase aumentar o uso desta zona verde como zona estancial, lúdica e de ocio, así como promover o tránsito peonil.