mainimg
Código: CA023
-
Espazos Singulares
Localización

Zona verde

Parque Carlomagno

Barrio

Fontiñas

Parroquia

San Lázaro

Información

Historia

Moitas veces as pérgolas dispóñense a modo de soportal, apoiándose na parede dun edificio, ou son un recurso para cubrir sendeiros, creando paseos sombreados. Outro tipo de estruturas, completas e independentes, son os quioscos, colocados en recollidos lugares para gañar un espazo que é todo un escenario onde gozar cos sentidos do pictoricismo da natureza deste pequeno espazo.

O xénero da glicinia (Wisteria sinensis) está dedicado a Caspar Wistar (1761-1818), un profesor de anatomía na Universidade de Pensilvania. Sinensis é unha forma latina que fai referencia á China, lugar de procedencia e onde é endémica. Foi traída a Europa en 1816 por un mariño inglés chamado Capitán Welbank, namorado da beleza desta planta tras cear cun rico comerciante chinés en Cantón baixo unha pérgola do que os cantoneses chamaban zi ten (viña azul), polo parecido no cheiro de ambas especies.

É unha planta rubideira de folla caduca, composta e imparipinnada, similar á dos freixos. Os froitos son legumes aplanadas, aveludas, que conteñen sementes discoides que maduran no verán liberándose, mais as vaíñas baleiras persisten durante o inverno.

As pólas da glicinia chinesa enróscanse sempre cara a esquerda, no sentido contrario ás agullas do reloxo, unha característica común a case todas as plantas rubideiras do hemisferio norte nun fenómeno causado pola rotación terrestre.

Xunto coa glicinia xaponesa (Wisteria floribunda), é unha das flores máis románticas da xardinería, mais tamén son moi comúns para realizar bonsais. Non son poucos os xardíns onde se utilizan para dar unha nota de cor, sobre todo na primavera cando florecen. Normalmente colócanse en espaldeira, sobre paredes e soportes axeitados, para crear un toldo natural que aporte sombra e verdor nos días cálidos do verán.

Descrición

As glicinias poden alcanzar até os 20 metros de altura e expandirse 10 metros lateralmente. É unha planta de rápido crecemento, cun madeiro que aumenta de grosor rapidamente, o que lle dá un aspecto robusto similar ao da parra. O vistoso colorido e o perfume das flores en primavera, a densidade de follas en verán e a nudez do inverno, fan da glicinia a rubideira ideal para cubrir muros, patios, soportais e pérgolas.

De ladrillo, madeira, pedra, formigón ou metal, unha pérgola crea un ambiente recollido e idílico grazas ás plantas rubideiras: roseiras, glicinias, xasmíns... Neste caso, as pólas da glicinia abrázanse á estrutura de metal para gabear polas columnas cara o teito, dende onde descolga as follas, as flores e os froitos.

Esta pérgola sitúase xunto ao paseo superior do parque, adoptando forma de ángulo para adaptarse á terraza na que se sitúa e que tamén serve de miradoiro cara as fermosas vistas que dende esta zona verde se poden apreciar da cidade e a súa contorna paisaxística.

Fotos actuais


Fotos antigas


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)