
Zona verde
Parque de Belvís
Parroquia
San Fructuoso
Historia
De ladrillo, madeira, pedra, formigón ou metal, unha pérgola ou quiosco no xardín crea un ambiente recollido e idílico grazas ás plantas rubideiras. Neste caso, as pólas da glicinia combínanse coas dos xazmíns, abrázanse á estrutura de madeira e metal desta pérgola para trepar polas columnas cara o teito, desde onde descolgan as follas, as flores e os froitos.
Moitas veces as pérgolas dispóñense a modo de soportal, apoiándose na parede dun edificio, ou son un recurso para cubrir sendeiros, creando paseos sombreados. Outro tipo de estruturas, completas e independentes, son os quioscos ou ceadores, colocados en recollidos lugares para gañar un espazo que é todo un escenario onde gozar cos sentidos do pictoricismo da natureza deste xardín.
No muro sobre o que se apoian as pérgolas poderemos atopar agochados réptiles entre as pedras. En Galicia viven varias especies de lagartas, mais se vemos algunha nos muros de Belvís ou do resto da cidade é probablemente unha lagarta galega (Podarcis bocagei). Foi bautizada así por se tratar dunha especie endémica, exclusiva de Galicia e do resto do noroeste ibérico. Describiuna para a ciencia Víctor López Seoane, un destacado naturalista galego do século XIX.
Descrición
Desde o miradoiro situado na parte alta do parque temos unha boa vista sobre o casco histórico da cidade (precisamente, Belvís significa miradoiro, bela vista). Alí sitúase o xardín aromático creado na pérgola, con especies que emanan un doce perfume a través das súas flores e follas.
As glicinias (Wisteria sinensis) son da familia das leguminosas, tendo a súa orixe en China. É unha arbusto rubideiro de madeiro groso, que se retorce no sentido contrario ao movemento das agullas do reloxo. Outra variedade, a Wisteria floribunda, retorce o seu madeiro no sentido das agullas do reloxo. Poden alcanzar até 20 metros de altura e expandirse 10 metros lateralmente, de rápido crecemento e aspecto robusto, similar ao da parra. Debido ao seu carácter rubideiro cultívase para cubrir enreixados, soportais, pérgolas, muros e o madeiro de árbores vellas. O seu valor ornamental vén dado pola súa espectacular floración de primavera, enchéndose de densos acios de fragrantes flores de cor lila.
Dise que os emperadores e nobres xaponeses cultivaban bonsais de glicinias para mostrar dispoñibilidade e boas intencións. Co paso do tempo, esta especie converteuse nun símbolo da amizade en Xapón, onde habitualmente emprégase na fabricación de xabóns e perfumería.
A primeira glicinia foi traída a Europa en 1816 por un mariño inglés chamado Capitán Welbank, namorado da beleza desta planta tras cear cun rico comerciante chinés en Cantón baixo unha pérgola do que os cantoneses chamaban zi ten (viña azul) polo parecido no cheiro de ambas especies.
Os xazmíns (Jasminum mesnyi), cuxo significado orixinario persa da palabra xasmín é regalo de Deus; foi traído á Península Ibérica polos árabes e nas noites cálidas exhala o seu intenso perfume. Estas esencias son, desde tempos inmemoriais, un piar da industria perfumista, xunto coa rosa e a violeta. Son arbustos rubideiros sensibles ao frío, bastante resistentes ás pragas e a maioría soporta ben a calor. Viven mellor se contan con espazo para medrar, posto que en xeral son plantas de desenvolvemento vigoroso. Para garantir unha boa floración, deben emprazarse ao sol, mais ao resgardo do vento, que pode arrancalos dos soportes que necesitan para trepar.
A combinación de glicinias e xazmíns na pérgola de Belvís non é casual. Ambas especies medrando espalladas sobre a pérgola crean un toldo natural que aporte sombra e verdor nos días cálidos do verán. Ademais aportan ao parque unha nota de cor, sobre todo na primavera cando florecen, aromatizando o aire coas flores malvas da glicinia e as amarelas dos xazmíns, nunha fermosa combinación cromática.