
Parroquia
Santa Cristina de Fecha
Tipoloxía
Peto de ánimas
Cronoloxía
Século XVI-XVIII
Historia
Os petos de ánimas son unha das manifestacións materiais do culto aos mortos e da devoción polas ánimas, unha interesante mostra etnográfica que reflexa a mentalidade galega sobre a vida e a morte. Soen ser sinxelos monumentos relacionados coa crenza na continuidade da alma tras a morte e da existencia dun paso intermedio para poder chegar ao ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida, o que ven sendo o purgatorio.
A finalidade destes elementos é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas en pena que non atoparon descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo. Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda. Polo tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos, mais tamén de se asegurar a propia.
As esmolas non eran de carácter estritamente monetario, tamén podían tratarse de produtos agrícolas ou de todo tipo: flores, cera, patacas, millo, pan, aceite... Tamén é habitual que, ao pasar por diante do peto, se rece unha oración polas ánimas para que poidan saír do purgatorio.
Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou polos veciños dun lugar, polo que son frecuentes as inscricións con curiosas advertencias que se fan no seu nome, lembrándolles aos vivos a importancia da alma e dos antepasados.
Estas representacións artísticas teñen a súa orixe no século XVI, no marco da Contrarreforma e do Concilio de Trento, cando aparece a idea do purgatorio e que os mortos podían salvarse mediante oracións, boas obras e esmolas. Segundo dicía Castelao: “A nova devoción suprime a idea de castigo eterno”.
Os petos máis antigos dátanse no século XVII, mais é no século XVIII cando se fan a maior parte deles. Adoitaban ser levantados polo clero, as confrarías das ánimas ou un particular devoto que cumpría unha promesa. A súa administración era levada pola correspondente igrexa ou confraría.
Soen estar construídos en pedra e contan cunha cruz como remate. Tanto a súa dimensión como iconografía son variadas, polo que é difícil estabelecer unha morfoloxía xeral, mais a súa estrutura sóese dividir en tres partes:
- Infraestrutura arquitectónica básica, en granito e de boa factura, soe ter forma de edícula.
- Cavidade en forma de pequena capela no centro, na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio empregando a pintura ou a escultura nas representacións. Soe estar protexida cunha reixa ou un cristal.
- Burato na base para meter as esmolas, tapado cunha lámina de ferro.
Existen varios tipos de petos: os de man, utilizados nas igrexas e capelas durante os oficios, e que en ocasións atopábanse fixos dentro do templo. Outros son obras de cantería, que forman parte dun cruceiro, muro, ponte, igrexa ou casa. E os petos de ánimas exentos, estruturas independentes situados en camiños, encrucilladas ou atrios de igrexas de toda Galicia.
As encrucilladas inspiraban temor, consideradas como lugar de soterramento dos afastados da comunidade cristiá, polo que había a crenza de que por elas vagan durante a noite as almas dos condenados. Outra peza frecuente nestes puntos é o cruceiro, como protección cristiá contra a Santa Compaña e outros espíritos. Algúns petos están situados na base ou no piar dos cruceiros, xa que os petos e os cruceiros presentan esta semellanza ideolóxica vinculada coas ánimas. Neste caso denomínanse cruceiro de ánimas.
O culto ás ánimas non é exclusivo das terras galegas, tamén está presente noutras rexións peninsulares, nalgúns casos cunha construción similar ou que presentan características semellantes: estar feitos de pedra e acollen a representación das ánimas e un cepo para a recollida de esmolas. De este tipo son os humilladeros ou santucos cántabros, en Asturias as capelas de ánimas e as calminhas portuguesas.
Descrición
Pequena edificación de bos perpiaños de pedra coa base de forma rectangular e cun gran sillar rectangular. Enriba desta base, sitúanse dúas fornelas abertas na propia pedra, con relevos no interior, de madeira pintada, de traza barroca, albergando nunha das fornelas o peto de ánimas, e no outro a Virxe de Belén. A edificación está coroada por unha cruz de pedra de brazos rectangulares.