
Zona verde
Parque Forestal da Granxa do Xesto
Parroquia
Vista Alegre
Nome científico da especie dominante
Pinus pinaster Sol. in Aiton
Nome común en galego
Piñeiro bravo ou piñeiro do país
Nome común en castelán
Pino marítimo, pino rodeno, pino negrillo o pino resinero
Perímetro normal máximo/medio/mínimo
1,4/0,9/0,5 metros
Altura máxima/media/mínima
16,6/10,4/12,3 metros
Historia
As condicións climáticas e as elevadas precipitacións dos terreos de montaña son propicias para a existencia de coníferas, con follas perennes de tipo acículas, resistentes ás mesmas. Na repoboación e nas plantacións para a explotación madeireira, o ser humano planta piñeiros nos montes aproveitándose de ditas características.
A madeira, de pouca calidade, úsase para encofrar, fabricar embalaxes, elaborar taboleiros de aglomerado e obter pasta de celulosa. Noutras zonas da Península Ibérica extráeselle a resina para obtención de augarrás e outros produtos químicos. O piñeiro tamén foi empregado para poboar poboar e fixar dunas de area.
Unha característica de importancia especial do ecosistema de piñeiral de montaña é a comunidade de liques e hedras que cobren troncos e ramas das árbores. Sobre o chan dos piñeirais abundan distintas especies de fungos, como o níscaro (Lactarius deliciosus), o boleto bo ou madeirudo (Boletus edulis), o rebentabois (Amanita muscaria) e os fungatos (Lycoperdon perlatum).
A fauna correspondente a este ecosistema pódese clasificar segundo o estrato onde vive. No chan, cuberto de acículas que non permiten a degradación da materia orgánica, numerosos escaravellos e insectos contribúen á formación do humus. Tamén no chan podemonos atopar, os oriúndos ou endémicos, como son ras, lagartos ou píntegas (Salamandra salamandra).
Pode aparecer a procesionaria do piñeiro (Thaumetopea pityocampa) que é unha das peores pragas que afectan aos piñeirais, así como outros invertebrados como as bolboretas.
Os mamíferos máis abondosos que habitan o piñeiral de montaña son os esquíos (Sciurus vulgaris) xa que a súa dieta básica son os piñóns. Dos invertebrados do estrato inferior aliméntanse as aves insectívoras que viven nestes piñeirais, especies como os ferreiriños (Parus sp.) ou o peto real (Dendrocopos major).
Tamén habitan estes bosques outras aves depredadoras de grande importancia como son as rapaces diúrnas, que se alimentan de pequenos mamíferos e doutras aves, tal é o caso do miñato (Buteo buteo).
Descrición
Trátase dunha masa formada por árbores de orixe cultivada, mais que están amplamente naturalizadas na nosa paisaxe, tanto que hoxe en día constitúe a especie que máis superficie ocupa en Galicia. Ademais deste piñeiral, aparecen piñeiros bravos convivindo con outras especies dentro da zona verde, destacando algúns exemplares de gran porte no souto. Tamén podemos atopar piñeiros bravos pola contorna de todo o parque, funcionando como capa protectora da vexetación presente tanto na Granxa do Xesto como na Selva Negra.
Os piñeiros bravos son orixinarios da metade occidental da rexión Mediterránea, mais a súa área natural quedou alterada por influencia humana xa que na costa atlántica galega crese que entrou dende Portugal no século XVIII, introducido para repoboacións forestais.