
Zona verde
Parque Forestal da Granxa do Xesto
Parroquia
Vista Alegre
Nome científico
Pinus pinaster Sol. in Aiton
Nome común en galego
Piñeiro bravo ou piñeiro do país
Nome común en castelán
Pino marítimo, pino rodeno, pino negrillo o pino resinero
Perímetro normal
2,8 metros
Altura
23,4 metros
Diámetro de copa
8,6 metros
Idade estimada
25-30 anos
Características
Aínda que podemos atopar piñeiros bravos por todo o parque, destacan varios exemplares de bo porte que medran no souto. Agochados entre os castiñeiros (Castanea sativa) nos meses en que estas árbores mostran as súas follas, destacan nos meses de inverno cando se pode observar todo o seu porte sen obstáculos visuais. As súas piñas, fáciles de atopar no chan preto da súa base, están frecuentemente escaravelladas polos esquíos (Sciurus vulgaris) para poder acceder aos piñóns.
Orixe e distribución
Orixinario da metade occidental da rexión Mediterránea: Francia, España, Portugal, Marrocos, Alxeria e Túnez. Tamén pode aparecer nas zonas atlánticas de Francia e da Península Ibérica. Na costa atlántica galega, crese que entrou dende Portugal no século XVIII, introducido para repoboación, polo que a súa área natural quedou alterada.
É unha especie adaptada ao clima mediterráneo, sempre que non sexan moi intensos nin os fríos invernais nin a seca do verán. Habita sobre substratos silíceos, dolomíticos, peridotíticos e, nalgún caso, calcarios se as precipitacións son máis elevadas. Vexeta tanto en chans fértiles coma nos moi pobres. Atópase en altitudes que van dende o nivel de mar, até case os 2.000 metros como en Serra Nevada.
É o piñeiro que ocupa maior extensión na península grazas á profusa utilización para repoboacións forestais que se fixo del durante o século pasado, promovidas principalmente polo xa desaparecido ICONA. O seu aproveitamento comercial propiciou que fosen substituídas amplas zonas de carballeira por piñeirais. Non obstante, na competencia ecolóxica co carballo, o piñeiro presenta unha desvantaxe: as súas sementes necesitan moita luz para xerminar, mentres que as landras non. Así, a medida que vai formándose un estrato arbustivo de carballos novos que impiden a chegada da luz ao chan, o piñeiro ve minguada a súa capacidade reprodutora, e segundo van desaparecendo os exemplares vellos a carballeira pode ir pouco a pouco reconquistando os que antano foron os seus territorios.
Descrición
Árbore perennifolia e robusta, que alcanza até 25 metros de altura. O seu crecemento é o máis rápido de tódolos piñeiros que habitan naturalmente na Península Ibérica. O tronco é alto e a codia aparece profundamente agretada formando placas de cor parda-negruzca. Ten as follas en forma de longas acículas ríxidas, rematadas en punta e agrupadas en parellas. Son as máis longas de todos os piñeiros presentes na rexión.
A flores son pouco vistosas. As masculinas son pequenas espigas amarelas e as femininas son pequenos estróbilos vermellos, que aparecen na primavera e dan lugar a grandes piñas ovado-cónicas, de 22 centímetros, case sentadas sobre as pólas ao ter un pedúnculo curto, con escamas cun escudete no seu dorso moi prominente e punzante. Tardan dous anos en completar o seu crecemento e dispersan as sementes durante varios meses, entre o final do outono e a primavera do terceiro ano.
Etimoloxía
A denominación dos piñeiros procede do vocábulo latino pinus, usado polos romanos para designar a estas coníferas. Este nome podería derivar do céltico pyn, montaña, aludindo a que diversas especies de piñeiros se desenvolven ben entre rochas. Tamén se di que piñeiro en grego é pitus, que á súa vez procede do sánscrito pitu.
Pinaster, do latín pinus (piñeiro) e a terminación aster, indica certo parecido cos piñeiros mais de rango inferior, probablemente comparando esta especie co piñeiro manso (Pinus pinea).
Usos
A madeira úsase para a construción, carpintería e fabricación de embalaxes, mais os seus principais usos son a elaboración de papel coa súa celulosa e a obtención de resina. Esta resina emprégase para facer brea, augarrás, verniz, disolvente, colofonia e trementina.
A resina do piñeiro bravo é moi abundante, xa que pode chegar a producir máis de 3 kilogramos ao ano. Ten moitos usos, xa que bótase ao arco dalgúns instrumentos musicais de corda, mestúrase co magnesio co que os ximnastas fregan as mans e está presente na fórmula para a obtención da fumata bianca que anuncia a elección dun novo Papa na Cidade do Vaticano. A pez era empregada en embrear barcos, redes de pesca, ánforas, toneis e pelellos de viño, que deste modo quedaban impermeabilizados.
O sistema tradicional de extracción era o método Hugues, que consistía en realizar cortes lonxitudinais duns 15 centímetros de ancho, cos que se facía sangrar a árbore. Este método foi moi estendido ao longo do século XX, mais hoxe en día empréganse procedementos menos agresivos, que non terminan coa morte do piñeiro.