mainimg
Código: BE016
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de Belvís

Barrio

Belvís-Trisca

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Pinus radiata D. Don

Nome común en galego

Piñeiro insigne, piñeiro americano ou piñeiro de Monterrei

Nome común en castelán

Pino de Monterrey o pino insigne

Información

Características

Dez exemplares de piñeiro insigne forman unha pequena agrupación que crea un pano de fondo aos labirintos de camelias na parte baixa do parque.

Orixe e distribución

Orixinaria da costa Oeste de Estados Unidos, onde habita no litoral de zonas de climas húmidos, con invernos temperados e sobre solos non calizos. Restos fósiles delatan a súa aparición en California no Plistoceno, onde o bosque mantén a rexeneración natural, mentres que en México hai pés illados e bosques decadentes de exemplares vellos pola presenza de cabras nos últimos decenios.

Foi introducida en Europa en 1833 por David Douglas, e en España débese a Adán de Yarza en Lekeitio-Biscaia, no 1851. Cultívase principalmente a baixa altitude, por debaixo dos 800 metros, nas zonas de clima suave e húmido da costa Cantábrica, onde medra moi rapidamente constituíndose nun elemento característico da paisaxe do norte de España.

Descrición

Árbore de tronco dereito, con cortiza grosa e profundamente gretada, que pode chegar até os 50 metros de altura. Ten a copa alta, cónica estruturada en pisos regulares, que de ser longamente apuntada cando é nova, pasa a ser globosa ou truncada de adulta.

Follas aciculares reunidas en grupos de tres, aínda que raramente pódense atopar algún grupo de dous, rodeados na base por unha vaíña membranosa.

Flores masculinas en conos pardos, moi abundantes, agrupados na base dos brotes novos, e as femininas en conos violetas, situados no ápice dos brotes. Florece en primavera con polinización anemógama que da lugar a un estróbilo ovoide, de base asimétrica, que madura en outono do ano seguinte ao de floración e persisten varios anos sobre as pólas, despois de soltar os piñóns.

Etimoloxía

A denominación dos piñeiros procede do vocábulo latino pinus, usado polos romanos para designar a estas coníferas. Este nome podería derivar do céltico pyn (montaña), aludindo a que diversas especies de piñeiros se desenvolven ben entre rochas. Tamén se di que piñeiro en grego é pitus, que á súa vez procede do sánscrito pitu.

Radiata probablemente débese á disposición radial que presentan as pólas en torno a cada verticilo. O nome común alude ao seu orixe na zona costeira de Monterrei (California).

Usos

As piñas dos piñeiros son manipuladas polos esquíos (Sciurus vulgaris) para comer os piñóns, proba disto son os abundantes restos dos eixos de piñas roídas por estes animais que se poden atopar baixo os troncos destas árbores.

Cultívase como especie forestal, para repoboación das zonas litoral e media, onde pode atoparse ocasionalmente naturalizada. A madeira destínase a aglomerado, carpintería de interiores ou a celulosa para fabricar pasta de papel.

Unha característica dos solos dos piñeirais é a grosa capa de agullas e residuos orgánicos que acumula en superficie, que pode alcanzar grosores entre 8 e 15 centímetros. Orixina un rico humus que ten as condicións ideais de humidade e pH para a proliferación de micorrizas, que permiten ao piñeiro unha boa captación de auga e nutrientes. Mais estes voluminosos restos, poden producir especiais danos por incendio, cando seca na época estival.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)