mainimg
Código: LP014
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque Luís Pasín

Barrio

Conxo

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Pinus pinea L.

Nome común en galego

Piñeiro manso

Nome común en castelán

Pino piñonero, pino manso o pino doncel

Información

Características

Varios exemplares de piñeiros mansos medran xunto á pista deportiva, ao carón de acivros, camelias e palmeiras canarias, na entrada do parque dende a rúa do Doutor Maceira.

Orixe e distribución

Conífera típica da rexión mediterránea, principalmente nas proximidades da costa occidental (Portugal, España, Francia, Italia, Albania e Grecia) e Oriente Próximo (Turquía, Chipre e Líbano), onde pode ocupar grandes extensións do territorio formando bosques. Tamén aparece en diferentes emprazamentos de Europa, que teñan clima suave con invernos pouco duros, posto que ten moita sensibilidade ás xeadas.

Medra por debaixo dos 600 metros sobre o nivel do mar, formando parte do maquis. Habita preferentemente en chans secos e cálidos, polo que aparece frecuentemente en áreas litorais. Despois do piñeiro carrasco (Pinus halepensis) é o piñeiro máis resistente á seca de entre os existentes na Península Ibérica.

Esta especie foi cultivada en Europa dende hai polo menos 2000 anos. Desde a antigüidade foi plantada nas beiras dos camiños e avenidas para proporcionar sombra, sendo especialmente célebres os piñeiros mansos que ocupan os laterais da Via Appia, que comunicaba Roma coa Italia meridional.

Descrición

Conífera de folla perenne, cunha característica copa en forma de parasol, bastante pechada e densa. O vento soe conformar a súa forma, que adoita estar máis desenvolvida cara un lado cando sopra sempre na mesma dirección. Tronco fortemente ramificado, cunha cortiza marcadamente laminada, recuberta de profundas estrías e resistente ao lume.

As follas aciculares agrúpanse en parellas por braquiblasto, longas e finas. A familiar fragrancia fresca dos piñeiros provén do aceite liberado polas follas, que axuda a reducir a cantidade de auga que perden coa evapotranspiración.

Os conos masculinos son amarelos, pequenos e moi numerosos, coa época de floración nos meses de xuño e xullo. As piñas son grandes, ovaladas e simétricas, que se abren e desprenden as sementes en resposta á calor. Os piñóns son comidos e dispersados por paxaros e roedores, principalmente os esquíos.

Etimoloxía

A denominación dos piñeiros procede do vocábulo latino pinus, usado polos romanos para designar a estas coníferas. Este nome podería derivar do céltico pyn, montaña, aludindo a que diversas especies de piñeiros se desenvolven ben entre rochas. Tamén se di que piñeiro en grego é pitus, que á súa vez procede do sánscrito pitu.

O epíteto específico pinea refírese directamente ás súas piñas, deixando claro que non só son as de maior tamaño do xénero, senón que ademais os seus piñóns son comestibles.

Usos

As sementes, denominadas piñóns, son moi ricas en aceite e resultan comestibles. Na zona mediterránea cultívanse toneladas de piñóns cada ano. Mentres aínda están pechadas, as piñas son recollidas e quéntanse para que liberen as sementes. As piñas tardan tres anos en madurar, o que fai que a produción de piñóns sexa un proceso longo, mais o produto obtido merece a pena posto que están consideradas un prezado alimento en diferentes pratos da cocina mediterránea dende hai centos de anos, e xa eran considerados un manxar delicioso polos soldados romanos.

A madeira do piñeiro manso é maciza e dura, con pouca resina en comparación con outras especies de piñeiros, polo que utilízase amplamente como madeira para a construción de escaleiras, fiestras, portas e, recentemente, tamén para mobles de cociña.

Na medicina popular, os piñóns usáronse como remedio contra a tose e enfermidades do peito polas súas propiedades balsámicas, e mesmo se lles chegou a considerar afrodisíacos. A súa cortiza é rica en taninos, polo que foi empregada como curtinte.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)