mainimg
Código: VA025
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)

Barrio

Vista Alegre-San Xoán

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Pittosporum tobira (Thunb.) W.T. Aiton

Nome común en galego

Pitósporo xaponés ou loureiro australiano

Nome común en castelán

Pitósporo o azahar de la China

Información

Características

Aparece tras a aliñación de plátanos na entrada de Casa Europa dende o parque de Mosquera Pérez. Está situada xunto ao tramo da dereita da escaleira cóncava que conduce á residencia, onde se sitúa a estatua da moza que porta a orbe. É un exemplar de tronco moi ramificado dende a base e ampla copa redondeada.

Orixe e distribución

Procede do leste da China e o sur do Xapón. Introduciuse por primeira vez en Europa en 1804, nos Kew Gardens de Londres. O pitósporo adáptase ben a calquera tipo de solo e clima, polo que é moi utilizada en Europa e América como planta ornamental. Destaca o seu uso nos xardíns de Reino Unido, Irlanda e os Países Baixos.

Nos nosos xardíns, o seu cultivo é máis habitual que o pitósporo de folla fina (Pittosporum tenuifolium), tamén presente no Parque de Vista Alegre.

Descrición

Arbusto ou arboriña perennifolia, de non máis de seis metros de altura, co tronco curto e profusamente ramificado. A cortiza é pálida, case lisa e a copa é compacta e redondeada.

Ten follas simples e alternas, que tenden a agruparse no ápice das pólas, de forma obovada e obtusa, correúda, de cor verde intensa e coa marxe enteira algo revolta. As flores son hermafroditas, brancas e fragantes, polo que son moi melíferas e gran número de abellas as visitan. Aparecen entre abril e maio, agrupadas en ramalletes terminais umbeliformes.

Os froitos son cápsulas ovoides que se abren en varias valvas ao final do outono para liberar as sementes, de cor marrón, algo tóxicas e manchadas por unha substancia viscosa.

Etimoloxía

Foi descrita polos botánicos europeos Solander e Banks en 1788. O nome xenérico da árbore, pittosporum, foi acuñado por Joseph Banks e deriva do grego pitta (resina) e spoross (semente), aludindo a sustancia pegañenta na que están embebidas as sementes.

Tobira é o nome xaponés da planta, que significa batente de porta, facendo referencia á forma de abrirse en valvas que ten o seu froito.

Usos

É unha árbore ornamental, un dos arbustos cultivados máis frecuentes na Península Ibérica. Moi utilizada tanto en solitario, plantada no chan ou en maceta, como en grupos para formar sebes, pantallas e estándares topiarios. Utilízase sobre todo en lugares costeiros xa que é moi resistente aos ventos e á salinidade. Tamén resiste moi ben á contaminación atmosférica, polo que pode utilizarse nas cidades.

Este uso aproveita a súa follaxe de intenso verde escuro, aínda que tamén hai unha variedade de folla manchada con branco (Pittosporum tobira Variegatum). Ademais, o penetrante aroma das flores deste pitósporo lembra ao das flores de azar das laranxeiras, perfumando o parque en primavera.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)