Zona verde
Parque Eugenio Granell
Parroquia
San Fructuoso
Historia
A celebración do Día Internacional dos Bosques, Día Forestal Mundial ou simplemente Día da Árbore, foi inicialmente unha recomendación do Congreso Forestal Mundial que se celebrou en Roma no 1969. Esta recomendación foi aceptada pola Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) en 1971. O día elixido foi o 21 de marzo que coincide coa entrada da primavera no Hemisferio Boreal e coa do outono no Hemisferio Austral.
Hai moitas razóns polas que as árbores son importantes na nosa contorna e no planeta, entre as que destacan:
- Liberan vapor de auga que refresca o aire e humedéceo.
- Reteñen as partículas de po que flotan no aire.
- Fixan o CO2 atmosférico e transfórmano en osíxeno.
- Protexen o chan evitando o seu desgaste e erosión.
- Funcionan como pequenos ecosistemas onde viven animais e insectos que interactúan entre si.
- Reteñen a auga da choiva permitindo que se filtre aos acuíferos, evitando tanto secas como inundacións.
- En grandes masas funcionan como amortecedores de ruído.
En Santiago de Compostela este día conmemórase con diferentes actividades relacionadas coas árbores e os bosques. Vense celebrando tradicionalmente coa plantación de árbores en diferentes espazos verdes da cidade coa colaboración dos veciños e dos escolares dos diferentes centros educativos da cidade, ademais da realización doutras iniciativas como roteiros, animación ou obradoiros.
Descrición
O 7 de abril de 2005, o Concello de Santiago de Compostela celebrou o Día da Árbore (21 de marzo) e o Día da Auga (22 de marzo) no Parque Eugenio Granell, coa participación do alumnado de dous colexios públicos próximos, o CEIP Lamas de Abade e CEIP Ramón Cabanilas. As súas idades estaban comprendidas entre os 4 e os 12 anos de idade.
A tradicional plantación de árbores tivo lugar a partir das dez e media. Ao coincidir o Día da Árbore e o Día Mundial da Auga coas festividades de Semana Santa, e polo tanto con vacacións nos centros de ensino, o Concello decidiu retrasar a celebración para que os protagonistas puideran ser de novo os rapaces.
O acto de lecer, que combinaba tamén aspectos culturais e deportivos, consistiu na plantación por parte dos 150 rapaces dos centros educativos de 276 árbores de cinco especies arbóreas diferentes: ameneiro, bidueiro, freixo, cerdeira e carballo.
Todas estas especies están especialmente axeitadas ao lugar do parque escollido para a súa plantación polo seu carácter de vexetación de ribeira. Ademais, complementan as intervencións de axardinamento do Parque Eugenio Granell coa introdución dun bo número de exemplares de especies autóctonas para contribuír á restauración e á mellora ambiental e paisaxística deste parque creado no 2003.
No transcurso desta actividade inaugurouse tamén a fonte ornamental do parque, situada na zona de plantación, na zona xunto ao Restollal. Esta fonte aproveita o caudal dos mananciais da zona.
Ademais, ao longo do mércores 6 e durante a xornada do xoves 7 de abril, o Concello distribuíu nos centros de ensino primario e secundario un folleto editado con motivo destas celebracións, no que se recollen as principais características dalgunhas especies arbóreas comúns en Galicia, como o carballo ou o freixo, así como información sobre o ciclo da auga e a necesidade dun compromiso social e colectivo na salvagarda destes recursos fundamentais para garantir o futuro da humanidade.