
Zona verde
Parque de Brandía
Parroquia
Laraño
Historia
A celebración do Día Internacional dos Bosques, Día Forestal Mundial ou simplemente Día da Árbore, foi inicialmente unha recomendación do Congreso Forestal Mundial que se celebrou en Roma no 1969. Esta recomendación foi aceptada pola Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) en 1971. O día elixido foi o 21 de marzo que coincide coa entrada da primavera no Hemisferio Boreal e coa do outono no Hemisferio Austral.
Hai moitas razóns polas que as árbores son importantes na nosa contorna e no planeta, entre as que destacan:
- Liberan vapor de auga que refresca o aire e humedéceo.
- Reteñen as partículas de po que flotan no aire.
- Fixan o CO2 atmosférico e transfórmano en osíxeno.
- Protexen o chan evitando o seu desgaste e erosión.
- Funcionan como pequenos ecosistemas onde viven animais e insectos que interactúan entre si.
- Reteñen a auga da choiva permitindo que se filtre aos acuíferos, evitando tanto secas como inundacións.
- En grandes masas funcionan como amortecedores de ruído.
En Santiago de Compostela este día conmemórase con diferentes actividades relacionadas coas árbores e os bosques. Vense celebrando tradicionalmente coa plantación de árbores en diferentes espazos verdes da cidade coa colaboración dos veciños e dos escolares dos diferentes centros educativos da cidade, ademais da realización doutras iniciativas como roteiros, animación ou obradoiros.
Descrición
O 22 de marzo do 2006, o Concello de Santiago de Compostela celebrou o Día da Árbore (21 de marzo) e o Día da Auga (22 de marzo) no Parque de Brandía, coa participación do alumnado dos colexios da Escola Rural Feáns-Villestro, a Escola Rural Rial-Laraño e o CEIP Roxos-Villestro, todos eles próximos ao Parque de Brandía.
O acto de lecer consistiu na plantación por parte dos 170 rapaces dos centros educativos dunhas 350 árbores de sete especies arbóreas diferentes: érbedo (Arbutus unedo), bidueiro (Betula alba), faia (Fagus sylvatica), acivro (Ilex aquifolium), aciñeira (Quercus ilex), xibarda (Ruscus aculeatus) e teixo (Taxus baccata).
A plantación destas árbores nos terreos próximos á acea ou presa que da lugar á canle de auga que fornecía á Fábrica de Papel de Laraño complementa as intervencións de axardinamento do Parque de Brandía que tiveron lugar ese ano coa introdución dun bo número de exemplares de especies autóctonas, árbores e arbustos, para contribuír á restauración e á mellora ambiental e paisaxística do parque creado no 2003.