
Zona verde
Parque Forestal da Selva Negra
Parroquia
Vista Alegre
Historia
A celebración do Día Internacional dos Bosques, Día Forestal Mundial ou simplemente Día da Árbore, foi inicialmente unha recomendación do Congreso Forestal Mundial que se celebrou en Roma no 1969. Esta recomendación foi aceptada pola Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) en 1971. O día elixido foi o 21 de marzo que coincide coa entrada da primavera no Hemisferio Boreal e coa do outono no Hemisferio Austral.
Hai moitas razóns polas que as árbores son importantes na nosa contorna e no planeta, entre as que destacan:
- Liberan vapor de auga que refresca o aire e humedéceo.
- Reteñen as partículas de po que flotan no aire.
- Fixan o CO2 atmosférico e transfórmano en osíxeno.
- Protexen o chan evitando o seu desgaste e erosión.
- Funcionan como pequenos ecosistemas onde viven animais e insectos que interactúan entre si.
- Reteñen a auga da choiva permitindo que se filtre aos acuíferos, evitando tanto secas como inundacións.
- En grandes masas funcionan como amortecedores de ruído.
En Santiago de Compostela este día conmemórase con diferentes actividades relacionadas coas árbores e os bosques. Vense celebrando tradicionalmente coa plantación de árbores en diferentes espazos verdes da cidade coa colaboración dos veciños e dos escolares dos diferentes centros educativos da cidade, ademais da realización doutras iniciativas como roteiros, animación ou obradoiros.
O ano 2010 coincidiu tamén co Ano Internacional da Biodiversidade, organizado pola ONU para espertar a conciencia sobre o papel vital que xoga a biodiversidade no mantemento da vida sobre a Terra, dos ecosistemas e da súa importancia para o benestar humano e a redución da pobreza.
Descrición
Para conmemorar o Día da Árbore (21 de marzo) e o Día da Auga (22 de marzo), que todos os anos celebra o Concello de Santiago de Compostela, organízase unha plantación de árbores nun espazo verde da cidade, á que se convidan a escolares, familias do alumnado, veciñanza residente na contorna e, en xeral, á cidadanía que desexe participar.
A Selva Negra e os escolares do CEIP Raíña Fabiola foron os protagonistas da celebración do 2010. Esta consistiu nunha plantación de árbores na entrada pola Granxa do Xesto á Selva Negra. Emúlase así ao que xa se fixo no século XVIII, cando a veciñanza de Aríns, Marrozos e O Eixo, foron alí plantar carballos. Os escolares do CEIP Raíña Fabiola plantaron máis de 600 exemplares de árbores e arbustos na Selva Negra, que uniron aos preto de 1.000 exemplares autóctonos novos plantados no 2011, e aos 6.000 pés de carballo xa existentes.
A plantación do Día da Arbore incorporou á Selva Negra teixos, acivros, sanguiños, ameneiros, bidueiros e estripos. Árbores que contribúen á conservación do solo e á recuperación dos valores paisaxísticos, ecolóxicos e recreativos do espazo. Esta celebración inseriuse dentro do plan de restauración ambiental e acondicionamento do Monte Pedroso, un monte emblemático para a cidadanía de Compostela que, convertido en parque forestal periurbano, é un gran pulmón verde da cidade.