Zona verde
Parque da Dársena
Parroquia
San Fructuoso
Historia
A celebración do Día Internacional dos Bosques, Día Forestal Mundial ou simplemente Día da Árbore, foi inicialmente unha recomendación do Congreso Forestal Mundial que se celebrou en Roma no 1969. Esta recomendación foi aceptada pola Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) en 1971. O día elixido foi o 21 de marzo que coincide coa entrada da primavera no Hemisferio Boreal e coa do outono no Hemisferio Austral.
Hai moitas razóns polas que as árbores son importantes na nosa contorna e no planeta, entre as que destacan:
- Liberan vapor de auga que refresca o aire e humedéceo.
- Reteñen as partículas de po que flotan no aire.
- Fixan o CO2 atmosférico e transfórmano en osíxeno.
- Protexen o chan evitando o seu desgaste e erosión.
- Funcionan como pequenos ecosistemas onde viven animais e insectos que interactúan entre si.
- Reteñen a auga da choiva permitindo que se filtre aos acuíferos, evitando tanto secas como inundacións.
- En grandes masas funcionan como amortecedores de ruído.
En Santiago de Compostela este día conmemórase con diferentes actividades relacionadas coas árbores e os bosques. Vense celebrando tradicionalmente coa plantación de árbores en diferentes espazos verdes da cidade coa colaboración dos veciños e dos escolares dos diferentes centros educativos da cidade, ademais da realización doutras iniciativas como roteiros, animación ou obradoiros.
Descrición
Plantación de árbores de especies autóctonas no Parque da Dársena, realizada polos alumnos do CEIP López Ferreiro.
Para conmemorar o Día da Árbore (21 de marzo), que todos os anos celebra o Concello de Santiago de Compostela, organízase unha plantación de árbores nos espazos verdes da cidade, á que se convidan a escolares, familias do alumnado, veciñanza residente na contorna e, en xeral, á cidadanía que desexe participar.
Catorce centros de ensino composteláns foron os protagonistas da celebración do 2017. Esta consistiu na plantación de árbores nos parques e xardíns municipais próximos ás súas instalacións, ou mesmo dentro do recinto do propio colexio. O subministro do arboredo, substratos, titores, ferramentas, así como a realización do burato de plantación, foi realizado polo persoal do servizo de mantemento de parques e xardíns. No momento da plantación, monitores medioambientais do servizo acompañaron ao alumnado mostrándolle diferentes aspectos relacionados coa importancia do arborado urbano.
As especies seleccionadas para a plantación foron seleccionadas entre as diferentes árbores e arbustos autóctonos, tendo en conta as necesidades e características concretas de cada zona de plantación. Plantáronse carballos, abeleiras, loureiros, acivros, freixos, capudres, cerquiños, framboeseiros, groselleiros, maceiras, pereiras e cerdeiras.