
Zona verde
Parque Fluvial das Brañas de Sar
Parroquia
San Fructuoso
Historia
A celebración do Día Internacional dos Bosques, Día Forestal Mundial ou simplemente Día da Árbore, foi inicialmente unha recomendación do Congreso Forestal Mundial que se celebrou en Roma no 1969. Esta recomendación foi aceptada pola Organización de Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) en 1971. O día elixido foi o 21 de marzo que coincide coa entrada da primavera no Hemisferio Boreal e coa do outono no Hemisferio Austral.
Hai moitas razóns polas que as árbores son importantes na nosa contorna e no planeta, entre as que destacan:
- Liberan vapor de auga que refresca o aire e humedéceo.
- Reteñen as partículas de po que flotan no aire.
- Fixan o CO2 atmosférico e transfórmano en osíxeno.
- Protexen o chan evitando o seu desgaste e erosión.
- Funcionan como pequenos ecosistemas onde viven animais e insectos que interactúan entre si.
- Reteñen a auga da choiva permitindo que se filtre aos acuíferos, evitando tanto secas como inundacións.
- En grandes masas funcionan como amortecedores de ruído.
En Santiago de Compostela este día conmemórase con diferentes actividades relacionadas coas árbores e os bosques. Vense celebrando tradicionalmente coa plantación de árbores en diferentes espazos verdes da cidade coa colaboración dos veciños e dos escolares dos diferentes centros educativos da cidade, ademais da realización doutras iniciativas como roteiros, animación ou obradoiros.
Descrición
O Concello conmemorou o Día Internacional dos Bosques cunha plantación de 190 árbores frondosas autóctonas por parte de escolares do CEIP Ramón Cabanillas. A plantación levouse a cabo nunha parcela de titularidade municipal en Pontepedriña, situada ao carón do colexio. As especies seleccionadas para plantar foron érbedos, bidueiros, sanguiños, abeleiras, espiños, freixos, acivros, loureiros, cerdeiras, pereiras, rebolos, carballos e capudres.