
Zona verde
Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Platanus x hispanica Miller Ex Münchh.
Nome común en galego
Plátano de paseo ou de sombra
Nome común en castelán
Plátano de paseo o de sombra
Características
Está situado preto da carballeira do parque de Vista Alegre, medrando contra o muro de peche do terreo contra a rúa de Pelamios. Destaca polo seu gran porte e copa redondeada, que nos meses cálidos énchese coa follaxe dándolle aínda unha maior envergadura.
Orixe e distribución
A maioría dos autores considérano un híbrido entre o plátano norteamericano (Platanus occidentalis) e o plátano europeo (Platanus orientalis). O plátano de sombra probablemente apareceu en España ou no sur de Francia sobre o 1650, ao poñer en contacto as dúas especies con obxectivos ornamentais.
A aparición do plátano europeo na Península Ibérica está narrada polo cronista romano Marcial, que di que Xulio César plantou un en Córdoba cara o ano 60 a.C., e que o puido admirar 150 anos máis tarde, no 94 d.C.
Descrición
Acada os 45 metros de altura, 8 metros de perímetro e pode superar os 300 anos de vida. O seu madeiro é moi recto, cunha codia delgada que se desprende en escamas, formando un patrón pardo e verdoso que lembra á vestimenta de camuflaxe dos soldados.
As follas son semellantes ás do pradairo (Acer pseudoplatanus), xa que teñen 5 ou 7 lóbulos dentados rematados en pico. Plinio O Vello e Isidoro de Sevilla escribiron que se parecían ás da vide. As súas pequenas flores forman unha inflorescencia redonda que se desfai en outono para dispersar as sementes a través do vento.
Etimoloxía
A súa denominación non estivo exenta de polémica, e na bibliografía, dependendo do autor, atopámolo tanto co nome hybrida como co de hispanica. Este segundo é o aceptado polo CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas), ademais de ser anterior, 1770 fronte a 1804 do termo hybrida.
O nome plátano produce certa confusión, pois é idéntico ao do froito que tamén se denomina banana, procedente do plataneiro (Musa acuminata). A denominación platanus probablemente procede da voz grega platys (ancho), en alusión ás súas amplas follas. O adxectivo hispanica débese á súa probable procedencia, xa que se pensou que esta especie xurdira en Aranxuez no século XVII.
O plátano oriental era xa coñecido na antiga Grecia (Dioscórides e Teofrasto) e Roma (Plinio). Os gregos chamaban plateia á sombra dos plátanos, palabra, que dá orixe ao termo platea, para referirse ao lugar dende onde os espectadores contemplan unha interpretación teatral. Na plateia, Sócrates debateu con Fero e Hipócrates instruíu os seus discípulos na Illa de Kos.
Usos
A súa beleza xa era recoñecida na Grecia antiga, o que queda patente nas numerosas lendas vinculadas cos plátanos. Foi plantado na tumba de Diómedes como a máis bela das árbores coñecidas alí. Baixo un plátano Zeus e Europa tiveron un encontro amoroso tras o que naceu Minos, o primeiro rei do que hoxe chamamos Europa. Plinio conta a lenda do grego Marsias, quen atopou a frauta desbotada por Atenea, e desafiou a tocala a Apolo. O deus era mal perdedor e vingouse colgando ao mortal das pólas dun plátano para desollalo.
A gran cantidade de sombra que produce, a súa resistencia á contaminación, aos contrastes de temperatura e ás podas, convérteno nunha das árbores máis presentes nas cidades. Poden verse frecuentemente aliñados seguindo o trazado de camiños ou formando masas en prazas e xardíns.
A súa madeira é de cor castaña clara, dura, resistente, parecida á da faia (Fagus sylvatica), mais máis lixeira. Utilízase para chapas de revestimento, ebanistería, construción e mangos de ferramentas. As súas follas, casca e froito utilizáronse antigamente na medicina popular.