
Zona verde
Parque Fluvial das Brañas de Sar
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Ponte
Cronoloxía
Século XII
Historia
A Ponte de Sar, situada a carón da Colexiata de Santa María a Real de Sar, foi construída salvando o último obstáculo fluvial xa no final da Vía da Prata, ou antiga ruta que conectaba a cidade con Ourense e Castela. Unha vez pasada a ponte iniciábase o último treito de subida polas actuais rúas de Sar e do Castrón Douro. Está vía penetraba na cidade pola Porta de Mazarelos ou pola Porta da Mámoa.
Descrición
Ten unha lonxitude de 22 metros de longo por 3,50 de ancho e unha altura aproximada duns 5 metros no punto máis alto. A ponte é de estilo románico do século XII. Debido ao abundante caudal do río naqueles tempos, componse de tres ollos (o do centro de maior altura), e calzada en ángulo, construídos con forte e ben escuadrada cantería granítica. Ten peitorís a ambos os lados da calzada con buratos de desaugadoiro na súa base. Augas arriba ten dous tallamares de sección triangular. No lado oeste da estrutura e a ambos os lados da ponte, hai dúas escalinatas que permiten o acceso ao río. A uns 50 metros da ponte augas arriba hai un vao ou porto polo que antigamente pasaban os carros con mercadorías. Constitúe un bo exemplo da funcionalidade deste tipo de construción.