
Parroquia
Barciela
Tipoloxía
Ponte
Cronoloxía
Século XIII
Historia
A auga é indispensable para a vida, polo que obrigou a que a poboación se asentase en lugares próximos a cursos de auga. Mais os ríos supoñían unha barreira natural que imposibilitaba o tránsito e o acceso a moitos lugares, polo que era preciso superar estas barreiras por medio da construción e uso de elementos de paso como as pontes.
As pontes xurdiron coma elementos básicos para a comunicación entre as diferentes áreas separadas polos cursos de auga. Servían coma elementos de unión entre as diferentes parroquias do Concello e especialmente para as rutas comerciais dalgúns produtos que proviñan doutras zonas de Galicia, coma o viño ou o peixe, para ser vendidos nos mercados e feiras da cidade.
A palabra ponte provén do latín pons, que significa estrada. En grego πόντος (póntos), probablemente deriva da raíz pent que alude á acción de camiñar.
A historia da construción de pontes está vencellada á historia da civilización, xa que as primeiras pontes construíronse xa na Prehistoria. A máis antiga estrutura chegada aos nosos días é unha ponte de pedra en arco, situada no Río Meles (Turquía) e datada do século IX a.C.
A arte de construír pontes non experimentou cambios substanciais durante máis de 2.000 anos, levantándose pontes de pedra realizadas de xeito semellante a como foron erixidas na época da Roma clásica, tradición que foi continuada durante a Idade Media.
A construción de pontes realizouse conforme ás necesidades do lugar e do momento, con pontes de madeira máis ou menos permanentes nos camiños secundarios, e pontes de pedra labrada nas vías principais, nas que se precisaba un paso máis sólido e resistente, que aguantase o tránsito tanto de persoas como de carros de mercadorías.
Os ríos próximos ás poboacións son os que adoitaron sufrir moitas intervencións: construción de presas e canles para as levadas dos muíños, ocupación das súas beiras con muros e estradas, instalación de fontes e lavadoiros, curtidoiros, batáns e outras industrias vinculadas ás canles fluviais.
A deforestación e a contaminación relacionada cos vertidos urbanos, motivaron que en moitos casos iniciárase nos ríos un proceso de recuperación, incidindo na mellora da calidade das súas augas, na accesibilidade polas súas marxes para crear paseos fluviais e na conservación da vexetación ribeirega e dos seus elementos patrimoniais.
As pontes non soamente se empregan para salvar os ríos. Co avance da enxeñería durante a Revolución Industrial, os novos materiais construtivos como o formigón e o aceiro permitiron empregar longas pontes para atravesar accidentes xeográficos como canóns, vales, estradas, vías férreas ou calquera outro espazo físico. Cando é construída sobre un medio seco acostúmase chamar viaduto.
Descrición
Sobre o río Tambre. De boa construción, en pedra, con catro ollos e piares que nos extremos duplican altura. Pretil de ferro.
A Ponte de Sigüeiro é unha desas pontes que poderían darnos para escribir un bo anaco, pola súa morfoloxía e a súa historia. Igual que as de Ponte do Porto e Betanzos, aínda conserva a súa morfoloxía orixinal do século XIII, mantendo algúns dos característicos arcos apuntados. Igual que a ponte de Pontedeume mandouna construír, ou cando menos terminar, Fernán Pérez de Andrade o Bo, no século XIV, xa que por este lugar pasaba e aínda hoxe pasa o Camiño Inglés. Segundo conta a lenda o sobrenome de o Boo viría precisamente da construción por parte deste nobre eumés de sete mosteiros, sete igrexas, sete hospitais e sete pontes, das que unha delas sería esta de Sigüeiro e a outra a propia de Pontedeume.
Os investigadores apuntan a que se comezaría a construír no século XIII e se remataría no XIV. A ponte consta de 4 arcos de medio punto e máis un arco oxival. Nas pontes medievais o xeito de atirantar os empuxes é en vertical, con arcos de medio punto ou arcos apuntados, fronte as pontes posteriores que tenden a conducir os empuxes cara as ribeiras. A Ponte de Sigüeiro, a pesares do enorme tráfico que soporta e das continuas reformas, aínda conserva boa parte desa feitura de v invertida propia das pontes do medievo.