mainimg
Código: EG048
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque Eugenio Granell

Barrio

Pontepedriña

Parroquia

San Fructuoso

Información

Tipoloxía

Ponte

Cronoloxía

2003

Historia

A auga é indispensable para a vida, feito que obrigou a que a poboación se asentase en lugares próximos a cursos fluviais e puntos nos que atopar auga potable. Os ríos supoñían unha barreira natural que imposibilitaba o tránsito e o acceso a moitos lugares, polo que estas barreiras foron facilmente superadas coa construción e uso de elementos construtivos como son as pontes.

As pontes existiron dende a antigüidade coma elementos básicos para a comunicación entre as diferentes áreas separadas polos cursos de auga. En Santiago de Compostela, as pontes servían coma elementos de unión entre as diferentes parroquias do Concello, e especialmente para as rutas comerciais dalgúns produtos que proviñan doutras zonas de Galicia coma o viño ou o peixe, que se transportaban á cidade para ser vendidos nos seus mercados e feiras.

A arte de construír pontes non experimentou cambios substanciais durante máis de 2.000 anos, levantándose de maneira similar a como foron ideados na época da Roma clásica. A construción de estas estruturas realizouse conforme ás necesidades do lugar e do momento, con pontes de madeira máis ou menos permanentes nos camiños secundarios, e pontes de pedra labrada nas vías principais, nas que se precisaba un método de paso máis sólido e resistente debido ao maior número de desprazamentos que tiñan que soportar.

O Sar foi un río que sufriu moitas intervencións: construción de presas e canles para as levadas dos muíños, ocupación das súas beiras con muros, estradas, deforestación, vertidos urbanos... Dende hai uns anos iniciouse un proceso de recuperación, que incide na mellora da calidade da súa auga e na accesibilidade polas súas marxes, así como na conservación da vexetación de ribeira e dos elementos patrimoniais asentados nelas.

Descrición

Para poder comunicar a zona do parque onde están situadas as máquinas de exercicio biosaudable coa rúa do Escultor Camilo Otero, na zona do IES Pontepedriña e o Local Sociocultural de Pontepedriña, era preciso construír unha estrutura que facilitase o paso sobre o río Sar. Para iso, colocouse unha ponte de factura contemporánea, combinando materiais modernos e unha estética vangardista.

A pasarela de madeira levántase sobre unha estrutura de formigón, formada por altas columnas que permiten o paso por debaixo da ponte e apenas bloquean a vista da carballeira dende ningún dos puntos do parque. O emprazamento na que está situada determina a importancia de que a ponte non supuxese unha barreira visual dentro da paisaxe desta zona verde, e en particular dun espazo tan cheo de transcendencia como é a carballeira e a ripisilva do río Sar.

Conta cunha varanda a ambos lados da pasarela, para garantir a seguridade dos usuarios da ponte. Marca o límite do espazo destinado a ter os cans soltos no Parque Eugenio Granell, dentro da campaña de convivencia con mascotas levada a cabo polo Concello de Santiago de Compostela.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)