
Zona verde
Parque de San Domingos de Bonaval
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Escultura
Cronoloxía
1994
Autor
Eduardo Chillida Juantegui
Historia
A escultura da Porta de Música foi inaugurada xunto co parque o 24 de xullo de 1994, como lembra a placa de bronce existente nesa plataforma vexetal, colocada preto as escaleiras de pedra que baixan cara ao castiñeiro da antiga horta do convento. Esta escultura estase a converter nun símbolo do parque.
Eduardo Chillida Juantegui (San Sabastián 1924 - San Sebastián 2002) comezou a carreira de Arquitectura en Madrid, mais decidiu abandonar os estudos para debuxar no Círculo de Belas Artes de Madrid, onde realiza as súas primeiras pezas. A súa carreira despega cando se traslada a París e realiza as súas primeiras esculturas en xeso, impresionado pola escultura grega arcaica do Louvre. En 1951 regresa definitivamente a San Sebastián, onde comeza a traballar na fragua de Manuel Illarramendi, en Hernani (Gipuzkoa). Alí realiza a súa primeira peza en ferro, Ilarik.
A obra de Chillida caracterízase pola súa introdución nos espazos abertos, formando parte deles. As súas esculturas saen do seu encerro nos museos para situarse na rúa, como El Peine de los Vientos, que se abre ao mar de San Sebastián; a Puerta de la Libertad, do barrio gótico de Barcelona; e a que talvez sexa a súa obra máis emblemática, Gure Aitaren Etxea, en Gernika.
Descrición
Esta peza sitúase nunha das plataformas intermedias do parque, repousando sobre un tapiz de céspede na área das hortas do antigo convento. Está realizada en aceiro cortén de 17 toneladas de peso e 3,24 metros de altura, formada por dúas columnas de aceiro unidas na parte superior por unha terceira peza en forma de viga anoada formando un lintel.
Construíuse no obradoiro de Patricio Echevarría (Legazpi) e entrañou certa dificultade na súa realización, xa que como dixo o propio Eduardo Chillida: Esa peza central que é o lintel da porta tívena que forxar catro veces para conseguir facela, porque era dificilísimo.
A Porta de Música está aliñada coa Catedral, establecendo un diálogo co outro gran pórtico da cidade, o Pórtico da Gloria. A obra baséase nun texto de San Agostiño titulado De música, no que reflexiona sobre a relación da música, a medida e a proporción. De feito, dise que cando o vento peta sobre as pezas que forman a escultura, esta produce un peculiar son. Chillida manifestou que esta peza pretende ser un sincero e emotivo saúdo ao Apóstolo e ademais reflectir o mellor posible a relación existente entre a escultura, a música e a arquitectura.
O aceiro cortén foi elixido por resistir ben a intemperie do húmido clima compostelán. Pola súa situación, a obra da a impresión de ter xurdido directamente do chan, e acubíllase baixo un fermoso plátano de sombra (Platanus x hispanica). A escultura establece unha relación coa súa contorna, especialmente con esta árbore que nos meses cálidos, cando bota a folla, a cubre levemente co follaxe, acariciándoa co vento como queréndose desculpar por roubarlle o protagonismo mentres que, cando ven o frío e perde as follas, pasa a un segundo plano para permitir que a Porta da Música destaque con todo o seu esplendor.
Bibliografía
Micropatrimonio de Compostela - Escultura Contemporánea. Concello de Santiago e Compostela Cultura, 2019