mainimg
Código: AM019
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Parque do Monte da Almáciga

Barrio

Concheiros-Almáciga-Espírito Santo

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Acer negundo L.

Nome común en galego

Pradairo americano

Nome común en castelán

Arce americano ou negundo

Información

Características

Unha longa aliñación de pradairos americanos medra á beira do camiño que conduce cara o estanque, sobre o noiro da rúa de Touro e cara a saída á travesa de Teo.

Orixe e distribución

Orixinaria do Leste de América do Norte, onde é clave para a supervivencia de numerosas especies animais debido á gran cantidade de sementes que produce, como o paxaro bicogroso vespertino (Coccothraustes vespertinus). Hai variantes xeográficas orixinadas probablemente polo devanceiro da especie no Terciario, presente no leste asiático.

Foi introducido en Europa de forma intencionada polo home para o seu uso como planta ornamental xunto con outras especies americanas durante o século XVII. A primeira constancia desta especie no noso continente foi en 1688, cando estaba presente no Fulham Garden de Inglaterra. Uns anos máis tarde foi importado a Holanda (1690) e a Alemaña (1699).

Descrición

Árbore caducifolia de porte mediano, xa que non soe superara os 15 metros de altura, coa cortiza de cor gris e a copa cupuliforme e frondosa. É o único pradairo coas follas compostas, formadas por entre tres e sete folíolos imparipinnados, ovalados coa marxe fortemente dentada.

Especie dioica, ten flores unisexuais sen pétalos que aparecen dispostas en acios colgantes antes que as follas, nos meses de abril e maio. As flores masculinas teñen só os sépalos e catro longos estames de anteras vermellas, mentres que as femininas son de cor verde.

O froito é unha disámara, dotada de dúas ás pegadas a uns aquenios alongados para posibilitar a súa dispersión anemócora (polo aire). Forman un ángulo agudo, a veces case recto, e permanecen moito tempo na árbore, incluso despois da caída das follas.

Etimoloxía

Acer é o nome que se empregaba en latín para referirse aos pradairos, e utilízase tamén para algo tenaz, duro. Segundo outros autores, o seu nome deriva da voz celta ac, espiña ou punta, por utilizarse para fabricar puntas de lanza.

O nome específico negundo provén do sánscrito e do bengalí, nirgundi, que é o nome dado a un arbusto do Nepal, Vitex negundo, coas follas moi semellantes.

Usos

O pradairo americano é unha das árbores máis resistentes do mundo: tolera o aire contaminado, os solos compactos ácidos ou básicos, o frío extremo e incluso curtos períodos en augas estancadas. Debido a estas características, plántase como especie ornamental en paseos, avenidas, aliñacións, parques e xardíns de toda Galicia, moitas veces en lugares onde ningunha outra árbore podería sobrevivir. Existen cultivares de follas variegadas, combinando a cor verde con amarelo ou branco.

A madeira é de mala calidade e só se emprega triturada para aglomerados. Como na maioría dos pradairos, o seu zume é rico en azucres, mais de peor calidade que noutras especies. A pesar diso, os indios americanos o aproveitaron para facer xarope nos lugares onde non había pradairos prateados (Acer saccharinum).

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)