mainimg
Código: CC003
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Xardín da Carreira do Conde

Barrio

Cidade histórica

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Acer campestre L. Red Shine

Nome común en galego

Pradairo campestre

Nome común en castelán

Arce menor, arce silvestre o arce común

Información

Características

Oito exemplares desta especie forman parte da vexetación do Xardín da Carreira do Conde. Están plantados ao borde da beirarrúa, na avenida Xoán Carlos I, formando unha aliñación que alterna con exemplares máis vellos de pradairos americanos (Acer negundo). A principal característica da variedade Red Shine consiste na cor vermella escura que adquiren as súas follas na primavera, que tamén se pode observar nas sementes.

Orixe e distribución

Amplamente distribuído nas rexións tépedas de Europa, Asia e o Norte de África. Medra até os 900 metros de altura sobre o nivel do mar. Mostra preferencia polos chans de calcaria ou arxila, frescos e húmidos, como os bordes de ríos e soutos. Prefire espazos soleados e ricos en materia orgánica, cun estrato arbóreo ben desenvolvido como os dos bosques de carballos, faias ou carpes.

Descrición

Árbore caducifolia de tamaño xeralmente pequeno, xa que non soe exceder os 10 metros de altura. Ten a copa globular e redondeada, co tronco retorcido e a cortiza suberosa. Pode chagar a alcanzar os 150 anos de idade.

As follas son simples, opostas e pentalobuladas, cos lóbulos estreitados na base e os dentes pouco marcados. Son de cor verde escura, algo máis claras polo envés, e contan cun longo pecíolo que ten un zume leitoso.

As flores aparecen na primavera ao mesmo tempo que as follas. Son pequenas, de cor verde amarelento e están agrupadas en corimbos terminais. Dan lugar aos característicos froitos dos pradairos, dispostos en parellas opostas e dotados de ás (disámara), que neste caso son duns cinco centímetros de lonxitude e teñen as ás moi abertas horizontalmente, nun ángulo de case 180 graos. O vento favorece a súa dispersión xa que as sementes voan de maneira similar aos helicópteros.

Etimoloxía

Acer é o nome que se empregaba en latín para referirse aos pradairos, e utilízase tamén para algo tenaz, duro. Segundo outros autores, o seu nome deriva da voz celta ac, espiña ou punta, por utilizarse para fabricar puntas de lanza.

O nome específico latino campestris ou campestre designa ás cousas silvestres, facendo alusión á súa presencia nos campos. Foi nomeado así por Carlos Linneo (1707-1778).

Usos

A cor das súas follas no outono varía entre o dourado, o laranxa e o vermello. Esta fermosa coloración outonal que fai que sexa unha árbore fermosa para plantar nos parques e xardíns urbanos. Tamén é empregada como especie de sombra ou formando aliñacións nas medianas ou as beirarrúas, porque tolera ben a contaminación. Aguanta a poda, polo que tamén se emprega para formar sebes, coma no caso dos famosos sebes de pradairo campestre do Schlosspark Schönbrunn, preto de Viena.

Os seus brotes tenros serven como alimento para o gando. A súa madeira é de cor amarela moi dura e compacta, resistente aos insectos e é un bo combustible. Foi empregada para a fabricación de mobles, a ebanistería, a tornería e na elaboración de instrumentos musicais como o violín, onde a calidade do instrumento depende non só do tipo de madeira, senón tamén do seu secado.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)