Zona verde
Parque do Monte da Almáciga
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Acer pseudoplatanus L.
Nome común en galego
Pradairo ou sicómoro
Nome común en castelán
Falso plátano o arce blanco
Características
No corredor verde que une o Parque do Monte da Almáciga co Parque de San Domingos de Bonaval, emprázanse árbores de nova plantación xunto a outras máis vellas que xa estaban presentes na zona antes das obras de axardinamento finalizadas no 2015. Este gran exemplar de pradairo, que medra preto do espazo destinado ás hortas urbanas municipais, é unha destas plantas que xa existían neste espazo.
Orixe e distribución
Orixinario do suroeste de Asia e do centro e sur de Europa. Na Península Ibérica a distribución natural abrangue á Cordilleira Cantábrica, mais este ámbito foi ampliado pola man do home que o esparexeu ampliando o seu hábitat natural. Frecuentemente cultivado e naturalizado, é difícil precisar cando se trata dunha planta espontánea.
Descrición
Árbore coa copa redondeada e moi densa que proporciona boa sombra. Pode chegar a medir até 30 metros de altura, sendo o máis alto de Galicia o de Navia de Suarna, con 23 metros de altura.
Ten o madeiro recto, de cortiza lisa e gris que se agreta co paso do tempo. As follas, de bordo irregularmente dentado, teñen cinco lóbulos apuntados e un pecíolo de cor vermello de entre 10 e 20 centímetros. As flores, de cor amarela-verdosa, agrúpanse en acios colgantes. Os froitos son disámaras, que se dispoñen en parellas opostas e posúen ás nun ángulo algo maior de 90º.
Etimoloxía
Acer é o nome que se empregaba en latín para referirse aos pradairos, e utilízase tamén para algo tenaz ou duro. Segundo outros autores, o seu nome deriva da voz celta ac, espiña ou punta, por utilizarse para fabricar puntas de lanza.
O epíteto específico pseudoplatanus está composto de pseudo, falso en grego, e platanus, polo parecido do limbo foliar desta especie coa do plátano de sombra (Platanus hispanica), árbore coa que podería confundirse, mais no pradairo as follas están dispostas de maneira oposta mentres que no plátano son alternas. A codia e o froito de ambos árbores tamén son moi diferentes e axudan a diferencialos.
Usos
Na fabricación dos violíns Stradivarius, considerados os mellores do mundo, o luthier Antonio Stradivari (1644-1737) utilizaba dous tipos de madeira: de abeto do Norte (Picea abies) para a parte superior, e de pradairo para a inferior, os laterais e o mastro.
As follas do pradairo empréganse en Asturias para envolver o queixo de Cabrales. É un envoltorio vexetal barato, doado de conseguir e de manipular, que servía para identificar estes queixos, polo que este costume deu lugar á picaresca de envolver outros queixos azuis para facelos pasar por Cabrales.