mainimg
Código: PM001
-
Arboredo Singular
Localización

Zona verde

Praza de Marcial Villamor Varela

Barrio

Belvís-Trisca

Parroquia

San Fructuoso

Identificación

Nome científico

Acer saccharinum L.

Nome común en galego

Pradairo prateado

Nome común en castelán

Arce plateado

Información

Características

Este pradairo prateado, o único existente nesta zona verde, está situado nun dos vértices da praza. É unha árbore singularizada polo seu carácter exento e por contar cunha zona de repouso na súa contorna, con elementos de mobiliario urbano como son bancos de pedra, un bebedeiro ou a placa conmemorativa do parque.

Orixe e distribución

Esta árbore é orixinaria do Leste de Estados Unidos e de Canadá, na rexión dos Grandes Lagos, onde é unha das árbores máis comúns. Medra en zonas baixas xunto con ameneiros, bidueiros, salgueiros e outras especies de pradairos, formando laxas extensións en ribeiras, campiñas e terreos aluviais.

En 1725 introduciuse nos xardíns ingleses, a partir do cal estendeuse o seu uso como árbore decorativa por toda Europa en zonas verdes urbanas e grandes parques, grazas ao seu rápido crecemento e maxestoso porte.

Descrición

Árbore robusta caducifolia que pode chegar a medir 40 metros de altura. As flores son pequenas e verdes, e aparecen agrupadas en acios colgantes a principios da primavera, antes de que agromen as follas. Estas son caducifolias e palmatilobuladas, distínguense das dos outros pradairos porque os seus cinco lóbulos son profundos e están serrados de xeito moi irregular. Teñen a face verde que no outono torna amarela e o envés cunha vistosa pubescencia brancoprateada.

O froito está formado por unha sámara dobre ou disámara, que contén dúas sementes cubertas por un par de membranas que forman un ángulo moi diverxente, o que lle permite xirar como unha hélice para dispersarse co vento (anemócoras) ao caer da árbore. Estes froitos serven de alimento para os esquíos.

Etimoloxía

Acer é o nome que se empregaba en latín para referirse aos pradairos, e utilízase tamén para algo tenaz, duro. Segundo outros autores, o seu nome deriva da voz celta ac, espiña ou punta, por utilizarse para fabricar puntas de lanza.

O nome específico saccharinum significa produtor de azucre, xa que do seu zume extráese o doce xarope de pradairo, moi presente na cultura norteamericana.

As follas teñen unha característica cor prateada no seu envés, polo cal recibe o seu nome común de prateado. A cortiza tamén presenta unha tonalidade gris prateada mate.

Usos

O xarope de pradairo obtense do zume desta árbore. Só en Quebec (Canadá), prodúcense 15 millóns de litros ao ano de xarope, para o cal é son necesarios 600 millóns de litros de zume.

Canadá é o principal produtor deste doce alimento debido á abundancia de pradairos prateados no país. Tan importante é que incluso aparece unha folla de pradairo na bandeira do país, creada en 1965 e coñecida en inglés como The Maple Leaf (a folla de pradairo) e en francés como L´Unifolié (a dunha folla). A folla de pradairo é un símbolo da natureza presente en Canadá desde o século XVIII.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)