
Zona verde
Parque Eugenio Granell
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Acer saccharinum L.
Nome común en galego
Pradairo prateado
Nome común en castelán
Arce plateado
Características
Diferentes tipos de pradairos mestúranse na parte superior do parque: pradairos (Acer pseudoplatanus) e pradairos prateados (Acer saccharinum). Ocupan o bordo dun dos paseos da ladeira, creando unha agradable zona sombría no verán e despexada no inverno, permitindo contemplar as vistas desde o miradoiro máis alto do Parque Eugenio Granell.
Orixe e distribución
Esta árbore é orixinaria do Leste de Estados Unidos e de Canadá, na rexión dos Grandes Lagos, onde é unha das árbores máis comúns. Medra en zonas baixas xunto con ameneiros, bidueiros, salgueiros e outras especies de pradairos, formando laxas extensións en ribeiras, campiñas e terreos aluviais.
En 1725 introduciuse nos xardíns ingleses, a partir do cal estendeuse o seu uso como árbore decorativa por toda Europa en zonas verdes urbanas e grandes parques, grazas ao seu rápido crecemento e maxestoso porte.
Descrición
Árbore robusta caducifolia que pode chegar a medir 40 metros de altura. As flores son pequenas e verdes, e aparecen agrupadas en acios colgantes a principios da primavera, antes de que agromen as follas. Estas son caducifolias e palmatilobuladas, distínguense das dos outros pradairos porque os seus cinco lóbulos son profundos e están serrados de xeito moi irregular. Teñen a face verde que no outono torna amarela e o envés cunha vistosa pubescencia brancoprateada.
O froito está formado por unha sámara dobre ou disámara, que contén dúas sementes cubertas por un par de membranas que forman un ángulo moi diverxente, o que lle permite xirar como unha hélice para dispersarse co vento (anemócoras) ao caer da árbore. Estes froitos serven de alimento para os esquíos.
Etimoloxía
Acer é o nome que se empregaba en latín para referirse aos pradairos, e utilízase tamén para algo tenaz, duro. Segundo outros autores, o seu nome deriva da voz celta ac, espiña ou punta, por utilizarse para fabricar puntas de lanza.
O nome específico saccharinum significa produtor de azucre, xa que do seu zume extráese o doce xarope de pradairo, moi presente na cultura norteamericana.
As follas teñen unha característica cor prateada no seu envés, polo cal recibe o seu nome común de prateado. A cortiza tamén presenta unha tonalidade gris prateada mate.
Usos
O xarope de pradairo obtense do zume desta árbore. Só en Quebec (Canadá), prodúcense 15 millóns de litros ao ano de xarope, para o cal é son necesarios 600 millóns de litros de zume.
Canadá é o principal produtor deste doce alimento debido á abundancia de pradairos prateados no país. Tan importante é que incluso aparece unha folla de pradairo na bandeira do país, creada en 1965 e coñecida en inglés como The Maple Leaf (a folla de pradairo) e en francés como L´Unifolié (a dunha folla). A folla de pradairo é un símbolo da natureza presente en Canadá dende o século XVIII.