
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Acer platanoides L.
Nome común en galego
Pradairo real ou pradairo noruegués
Nome común en castelán
Arce real, arce de Noruega o acirón
Características
Está situado nos xardíns que rodean ao Estanque de Méndez Núñez.
Orixe e distribución
Habita nos bosques de ribeira frescos e moderadamente húmidos ou nos bosques mixtos de toda Europa e o suroeste asiático, aínda que as poboacións naturais orixinarias son bastante escasas na actualidade.
Descrición
Fermosa árbore caducifolia que pode chegar aos 30 metros de altura. A copa é regular, sobre un troco recto, mais bastante curto. A cortiza nos exemplares adultos está finamente estriada, de cor gris escura, atravesada por un fino debuxo de liñas.
As follas son opostas, dotadas dun longo pecíolo e de forma palmatilobada, con entre cinco e sete grandes lóbulos desiguais. Os bordos teñen dentes longos e delgados. A face é verde mate, mentres que o envés é máis claro, que no outono adopta unha coloración amarela.
Numerosas flores agrupadas en inflorescencias erguidas que aparecen antes que as follas. Os froitos medran agrupados en parellas e provistos de dúas expansións membranosas unidas, en forma de sámara dobre case horizontal. O vento favorece a súa multiplicación xa que estas membranas funcionan como ás, transportando as sementes no seu voo semellante ao dun helicóptero.
Etimoloxía
Acer é o nome que se empregaba en latín para referirse aos pradairos, e utilízase tamén para algo tenaz ou duro. Segundo outros autores, o seu nome deriva da voz celta ac, espiña ou punta, por utilizarse para fabricar puntas de lanza.
O seu nome específico platanoides indica a súa similitude co plátano de sombra (Platanus x hispanica). Nos Pirineos coñécese como acirón por ser un pradairo de gran tamaño, ao que alude tamén o adxectivo de real no seu nome común.
Usos
Plántase frecuentemente nos parques e xardíns como especie ornamental, cultivándose como árbore de sombra e de aliñación. Aparece tamén nas rúas, posto que soporta ben os ambientes húmidos, o frío e a contaminación atmosférica das grandes urbes.
Ten o zume azucrado e produce un bo néctar, polo que é unha planta melífera moi apreciada polas abellas. A madeira é densa e dura, con tonalidades rosadas, polo que se usa na fabricación de mobiliario, tarimas e instrumentos musicais.
Nas culturas antigas, o pradairo desenvolvía unha función máxica como gardián dos mortos. Os defuntos, antes do enterro, colocábanse no denominado taboleiro sepulcral, feito con madeira de pradairo debido á crenza en que a madeira desta árbore tiña o poder de escorrentar ao demo. Por esta razón, aínda hoxe algunhas persoas teñen o costume de tocar madeira sen pintar para espantar á mala sorte.