
Zona verde
Praza de Galicia
Parroquia
San Fructuoso
Nome científico
Acer palmatum Thunb.
Nome común en galego
Pradairo xaponés ou pradairo palmado xaponés
Nome común en castelán
Arce palmado, arce apanes, arce polimorfo o arcerojo
Características
Este pradairo xaponés ten unha copa en forma de parasol moi desenvolvida, ocupando un diámetro de varios metros, baixo o que se atopa a fonte ornamental.
Orixe e distribución
É orixinario das montañas da China, Corea, Xapón e Taiwán, onde medra de xeito natural nos bosques húmidos, sendo introducido en Europa no 1820. Poden crecer nas áreas temperadas de todo o planeta, polo que diferentes cultivares están dispoñibles comercialmente e son unha especie moi popular na xardinería de Europa e de América do Norte.
Descrición
É unha arboriña de forma piramidal que normalmente non supera os dez metros de altura. Ten a cortiza de cor gris-verdosa con estrías amarelas, sendo os brotes novos peludos e de cor vermella. As follas teñen forma de estrela de cinco ou sete puntas dentadas, que no outono toman unha espectacular cor entre vermella e púrpura intensa.
As flores, tamén vermellas, aparecen a comezos da primavera antes que as follas, dando lugar a uns froitos dotados de dúas sementes ás que están adheridas sendas membranas, semellantes a unhas ás, que forman entre si un ángulo de 180 graos. Estas sementes denominadas sámaras dobres ou disámaras, permanecen na árbore até a súa maduración, cando o vento favorece a súa expansión, posto que as transporta nun voo semellante ao dos helicópteros.
Etimoloxía
Acer é o nome que se empregaba en latín para referirse aos pradairos, e utilízase tamén para algo tenaz ou duro. Segundo outros autores, o seu nome deriva da voz celta ac, espiña ou punta, por utilizarse para fabricar puntas de lanza.
O epíteto específico palmatum describe a forma da folla, palmeada ou semellante á palma da man. O apelativo común alude á súa orixe xeográfica.
Usos
O Momiji Geri é unha tradición xaponesa consistente en saír a contemplar os bosques de pradairo vermello no momento en que estes adoptan a súa característica coloración outonal. Esta tradición está tan arraigada entre os xaponeses como o Hanami, que é o costume de visitar os xardíns para apreciar a beleza das cerdeiras en flor.
Dende tempos remotos, a nobreza xaponesa tomou a estes pradairos como fonte de inspiración para os seus poemas e obras de arte. Aínda hoxe é posible detectar a presenza desta árbore na cultura xaponesa: aparecen constantemente nas letras das cancións populares, no outono utilízanse kimonos decorados con debuxos das súas follas, e a súa forma lobulada adornan os pasteis recheos de azuki (unha crema de legumes doces).
Pola súa aparencia vistosa e resistencia, é unha especie moi empregada para elaborar bonsais. En Galicia cultívanse en parques e xardíns como especie ornamental pola delicadeza das súas follas, as tonalidades vermellas do outono e a súa fermosa silueta.