
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Xardín urbano
Cronoloxía
2010
Historia
Esta praza foi nomeada en lembranza de Marcial Villamor Varela no Pleno Municipal do 21 de novembro de 2008, cando se aprobou designar 69 novas rúas e prazas da cidade. A elección do nome de Marcial Villamor Varela para esta praza ten que ver co feito de que tivo o seu domicilio particular no número 18 da rúa do Olvido. Nado en Toques no 1899, trasladouse moi novo a Santiago de Compostela, onde residiu e desenvolveu o seu traballo de ebanista, así como a súa acción sindical. Foi un dos promotores e membro destacado do Ateneo Literario compostelán, que chegou a ter o enderezo do seu domicilio a efectos de notificación.
Xa con anterioridade á proclamación da República, Marcial Villamor Varela é membro da Confederación Regional Galaica da CNT, representando ao Sindicato de Carpinteros y Similares de Santiago no pleno rexional celebrado na Coruña en 1930. O 10 de outubro de 1934 é detido cando tiña no seu poder follas de propaganda a favor da amnistía aos presos políticos de esquerda, sendo condenado a seis meses de prisión.
Unha vez rematada a súa condena, participa na preparación da convocatoria electoral do 1936. Foi detido e ordenouse o seu traslado á capital galega. Durante a viaxe, no municipio de Guntín, é asasinado dun disparo na cabeza. A inauguración deste espazo verde a comezos de 2010 consistiu nunha sentida homenaxe a este ilustre veciño de Compostela.
Actuacións
A recuperación para uso público como zona verde dunha zona na rúa do Olvido comezou a fraguarse en 2007 por medio dun convenio de colaboración do Concello coas sociedades mercantís propietarias destes terreos, que os permutaron por outros localizados na reparcelación do SUP-6 (Santa Marta). As obras desenvolvéronse ao longo dos seguintes anos, até que finalmente a praza estivo rematada a comezos de 2010.
Os predios nos que se asenta o parque contan cunha superficie total de 2.500 metros cadrados. Están clasificados como Solo Urbano Consolidado e cualificados polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica (PE-1) como viario público nunha parte, e como zona verde de titularidade pública (V-31) noutra, pertencente ao sistema local de espazos libres da cidade.
O Concello encargouse da urbanización, acondicionamento e construción necesarias para construír a praza. Estas obras de acondicionamento, incluídas no marco do Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL) tiveron como obxectivo principal o de transformar a imaxe desta zona, dotándoa de máis luz, un maior uso público e a integración das rúas da contorna cos veciños parques de Belvís e do Cancelón de Sar.
Tras a finalización deste proxecto, iniciouse a terceira fase das reformas en Sar, que incluíu actuacións como a mellora da recollida de augas, a eliminación de muretes e chanzos, o tratamento peonil da zona ou a introdución de arboredo e mobiliario urbano.
Descrición
A Praza Marcial Villamor Varela está situada na confluencia da rúa do Olvido coa rúa Castrón Douro. A praza atópase subdividida polo pequeno outeiro preexistente á creación do novo espazo verde, que se aproveita para crear un camiño transversal que atravesa o parque e comunica a rúa do Olvido coa nova vía da Praza Marcial Villamor Varela.
Nesta zona verde podemos observar dúas zonas claramente diferenciadas: a rúa do Olvido conserva en gran parte o seu aspecto tradicional, co pavimento central de lousas de pedra existentes, e o muro de cachotaría, que se reparou para facer de delimitación á nova praza. Por outra banda, na contorna máis occidental da área abriuse unha nova rúa de dobre sentido con novas instalacións, como contedores de lixo soterrados, que ten un aspecto máis moderno e actual.
Nesta zona verde habilitouse un parque de xogos infantís e mobiliario urbano consistente en bancos, bebedeiros, papeleiras e farois.