
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Xardín urbano
Cronoloxía
1982
Historia
O proceso de reordenación territorial de 1833 dá lugar a que Conxo se constituíse como concello independente até o 1925. É neste período cando nace Rosalía de Castro en 1837, ten lugar o Banquete de Conxo en 1856, inaugúrase a primeira liña de ferrocarril galega (Cornes-Carril) en 1873, e abre o sanatorio psiquiátrico no antigo Mosteiro de Santa María en 1885.
Tras a conurbación de Conxo dentro do Concello de Santiago de Compostela no 1925, esta zona formará parte do novo ensanche de poboación, desenvolvido no século XX e centrado principalmente en dúas zonas: a contorna da rúa Montero Ríos, entre a Carreira do Conde e os Agros de Ramírez, e a zona coñecida como Cornes, onde se establecerá a Praza de Vigo.
O antigo Camiño Novo, denominado hoxe Avenida Rosalía de Castro, era unha zona de labranza na que se establecía un rueiro de casas entre as que estaba o edificio onde naceu Rosalía de Castro, no que hoxe é a Praza de Vigo.
Para a reforma urbana desta zona, encárgase ao arquitecto Fernández Cochón a realización dos planos, respectando os aprobados en 1934. O novo plan, presentado en 1946, segue os postulados urbanísticos da autarquía (1939-1959).
Nas proximidades deste novo ensanche aloxábanse as instalacións de gran parte da industria compostelá da época, grazas a que o afastamento do centro, permitía contar con grandes extensións de terreo onde situar as novas instalacións.
Actuacións
Durante moitos anos, a Praza de Vigo foi unha simple explanada na que aparcaban os vehículos da veciñanza e dos que acudían a Santiago a traballar. Esta situación modificarase a finais dos anos oitenta coa construción do segundo aparcamento subterráneo de Santiago, tras o polémico derribo do Edificio Castromil na Praza de Galicia para construír o primeiro deles.
A construción deste aparcadoiro trataba de resolver a falta de aparcamento nunha das zonas con maior saturación de tráfico do Ensanche. Para levalo a cabo precisou o movemento de varios miles de toneladas métricas de terra e a completa remodelación da praza, onde xa existía o monumento dedicado a Rosalía de Castro, lembrando o emprazamentos da casa onde esta nacera.
Xa en 2013, a Xunta de Goberno Local aprobou un proxecto de reforma para a Praza de Vigo. O proxecto de execución partiu dunha memoria redactada polos servizos municipais, a partir da cal se fixo unha proposta de ideas para marcar as directrices das obras executadas. Esta intervención tivo en conta dous aspectos diferenciados: a obra civil e a xardinería. Foi preciso a dotación de novos elementos, como iluminación e mobiliario urbano, para que contribuísen a mellorar o tempo de lecer dos cidadáns neste espazo. Tamén se realizou a plantación dalgunhas especies vexetais que, xunto coas xa existentes, favorecen o uso da praza por parte da veciñanza, creando un ámbito agradable oposto á anterior imaxe de abandono que presentaba.
Descrición
A Praza de Vigo conta cun parque infantil, un circuíto biosaudable, unha fonte ornamental e mobiliario urbano. Estes elementos humanizan esta praza pública, creando unha área que permita o xogo e o lecer de nenos e adultos nun ámbito próximo ás súas residencias.
O mobiliario da nova praza está integrado por bancos, papeleiras, carteis e bebedeiros. Conta cunha varanda perimetral que permite pechar o parque pola noite, limitando o risco de que os usuarios do parque infantil podan achegarse ás zonas de tránsito de vehículos.
Na última remodelación tívose en conta tamén a accesibilidade ao espazo, facilitando o seu uso a persoas de diferentes idades e condicións física, ademais daquelas con mobilidade reducida, para o cal as entradas e accesos á praza están formadas por ramplas. A renovación do axardinamento supuxo a creación dun espazo axardinado sobre a entrada ao aparcadoiro e a plantación de diversas árbores na contorna da praza, que forman unha pantalla que a separa do tráfico, contribuíndo á mellora da calidade do aire.
A iniciativa do Colecamiños, promovida polo Concello de Santiago en 2015 para incentivar ao alumnado a ir andando á escola, inclúe nas súas rutas á Praza de Vigo.