mainimg
Código: BR021
-
Auga
Localización

Zona verde

Parque de Brandía

Barrio

Vidán

Parroquia

Laraño

Información

Tipoloxía

Presa

Cronoloxía

Século XVIII

Historia

Unha acea é unha presa que se interpón no medio do río para desviar parte da auga para destinala á rega ou para mover a maquinaria dos muíños, serradoiros ou ferrerías. No caso de que sexa necesario, cómpre cortar a corrente do río, detela e, no seu caso, elevala de nivel, de xeito que leve altura suficiente para as fincas a regar. Nalgúns muíños, a presa non existe e a auga precisada, por non ser moita, tómase directamente do regato abrindo un rego no lugar axeitado.

Son en xeral rectilíneas e feitas para facilitar o tránsito da corrente cara a canle situada nunhas das ribeiras. Constrúense asentando grandes pedras, obtidas moitas veces do mesmo curso de auga. Polo xeral fanse muros de contención e a parte exposta á corrente non tarda en adquirir unha rampla de residuos, area, terra e pedras que as impermeabilizan contra as filtracións, de forma que a auga sobrante reborda pola parte alta.

A súa lonxitude é sempre a do río no que se alza, polo que se procuran lugares estreitos en zonas de desnivel do curso de auga. A súa altura ven determinada pola necesidade de auga. As aceas poden ser un dos elementos máis resistentes e perdurables da arquitectura da auga porque está pensada para resistir as fortes pendentes. Aproveitábanse en moitas ocasións para habilitar zonas de baño para a comunidade, e tamén son un bo sitio onde pescar.

Descrición

Esta presa construída no río Sar serve para desviar a auga por a canle de derivación, de 596 metros de longo, que servía á Fábrica de Papel de Laraño para encher un depósito de auga de 12 metros de altura e mover unha roda hidráulica vertical de mais de 3 metros de diámetro que facía de batán.

Está construída asentando grandes pedras de granito cuadrangulares de forma transversal ao río coa finalidade de reter a auga e conseguir un determinado nivel de auga para poder alimentar a canle, deixando unha entrada na que se sitúan as comportas que regulan o fluxo da auga. Esta estrutura de pedra forma unha rampla para facilitar o tránsito da auga do río cara a súa desembocadura no Ulla.

A presa debeu ser realizada a finais do século XVIII, no momento de construción da Fábrica de Papel de Laraño. Dende a súa construción en 1792 o edificio funcionaba como fábrica de papel, mais na primeira metade do século XIX pasou a funcionar como batán, e posteriormente foi serradoiro, fábrica de xeo e cervexa e finalmente hotel. Os cambios de actividade suporán consecuentemente modificacións tamén no fin último da auga derivada na canle, que neste momento ten sobre todo valor testemuñal o mesmo que a presa que a alimenta de auga.

A última restauración do edificio conservou activo o acueduto de cantería polo que chegaba a auga que movía a maquinaria da fábrica. En canto a esta acea, incluíuse no catálogo de protección no Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Conxunto de Arquitectura Industrial da Fábrica de Papel de Vidán, sendo rehabilitada a comezos do século XXI xa que a erosión fixo que fosen caendo as beiras de forma que o nivel orixinal do río foi descendendo. A rehabilitación puxo as marxes á altura orixinal de forma que se recuperase a volumetría e a cantidade de auga que alimenta a canle.

A zona da acea forma unha planicie na que a auga do río descorre maina antes da presa, o que foi aproveitado para a construción do embarcadoiro na zona do xardín xeométrico, con paredes tapizadas de couselos, chuchameles e violetas; tornándose rápida tras caer pola presa, formando unha pequena fervenza. Na contorna abonda a vexetación de ribeira ou ripisilva, formada por ameneiros, salgueiros, bidueiros, carballos, freixos, chopos, sabugueiros e abeleiras.

Tamén é destacable a fauna da zona, xa que entre as árbores móvense os paxaros, que, cando o rumor do río o permite, fan oír os seus cantos anunciando a súa presenza. É bastante frecuente atopar garzas reais (Ardea cinerea) pescando escalos na zona da acea, picapeixes (Alcedo atthis) voando veloces sobre as augas do Sar e algunha vez houbo pistas que indicaban a presenza de londras (Lutra lutra).

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)