
Zona verde
Parque da Alameda
Parroquia
San Fructuoso
Tipoloxía
Palco de música
Cronoloxía
1897
Autor
Daniel García Vaamonde
Historia
A música, na forma dos concertos da Banda Municipal, da do Rexemento de Infantaría Zamora ou doutras agrupacións completou desde o século XIX tanto os paseos como as celebracións que tiñan lugar na Alameda; era especialmente apreciada como acompañamento do paseo e por iso até ben entrado o século XX o programa diario das actuacións era publicitado na prensa.
Este palco é -como outros moitos montados nos concellos galegos no século XIX e principios do XX- proba da querenza do público pola música, sobre todo nas xornadas de festa e é tamén indicador da multitude de agrupacións musicais que xurdiron desde finais do XIX e que están no berce dalgunhas aínda hoxe existentes. Este é o caso da Banda do Hospicio de Santiago (1849) que é o xermolo da agrupación municipal e é unha das máis antigas de Galicia.
Descrición
Sito nunha zona intermedia do paseo e comunicando o Central co chamado paseo das Viúvas (o superior), esta construción é froito do proxecto elaborado por Daniel García Vaamonde, arquitecto municipal. Antes de existir, a banda tocaba na parte alta do paseo Central, na plataforma enriba das escaleiras. Ten cabida para 40 músicos sentados.
É un quiosco de aire modernista, moi equilibrado tanto nas proporcións como nas súas liñas e ornamentación; esta vai moi a xogo coa dos bancos de Sargadelos e presenta aves mitolóxicas, motivos vexetais e alegorías da música.