mainimg
Código: CS056
-
Sociocultural
Localización

Parroquia

Bando

Información

Tipoloxía

Refuxio de animais

Descrición

O Refuxio de Bando ocupa uns 7.000 metros cadrados dunha parcela de 15.000 e está dividido en catro grandes módulos. O edificio principal alberga as oficinas, a área de atención veterinaria, a de atención ao público e a aula de educación ambiental, hospitalización e almacén de alimentación. Nos módulos construídos como residencia para animais hai espazos específicos para cans e gatos, ademais de amplos patios e espazos comúns para que fagan exercicio e socialicen. Todos as canceiras están protexidas do exterior e contan cunha cama para cada animal, así como comedeiros e bebedeiros. Cada un destes espazos ten un patio ao que o animal pode acceder libremente.

Lonxe queda xa o caduco modelo de canceira, onde os animais se amoreaban sen espazo e sen as desexables condicións de hixiene e saúde. No Refuxio de Bando quérese asegurar a calidade de vida dos animais mentres estean baixo a súa tutela. Quen adopte no Refuxio terá todas as garantías de que ese can ou gato chega ao fogar coas axeitadas condicións hixiénico-sanitarias. Na actualidade estase ampliando con 1.037 metros cadrados máis de instalacións: para residentes, unha nova cuarentena e dúas novas áreas de saída de cans.

O Refuxio de Bando está dirixido e xestionado por un equipo de profesionais cunha aptitude e valía demostradas. Este equipo conta coa colaboración desinteresada de voluntarios e voluntarias que no seu tempo libre axudan en tarefas de promoción das adopcións de animais, de socialización, de axuda nos seus coidados ou en actividades.

As causas principais de entrada de cans e gatos no Refuxio son o abandono intencionado (na rúa, estradas, nas aldeas, no monte ou ás portas do propio Refuxio), o extravío, cría en colonias de gatos, falecemento dos donos, cambio de domicilio ou camadas non desexadas. Pode resumirse que o abandono é o resultado da falta de responsabilidade, respecto e coñecementos.

Dende o primeiro momento, cada animal que entra no Refuxio de Bando ten garantido o seu coidado. Logo de comprobar se o animal está identificado (con microchip, tatuaxe ou colar), todos son fichados e clasificados para facer o seu seguimento dentro do centro. Todos os animais son inspeccionados e desparasitados interna e externamente. Os casos que precisan de tratamento veterinario, e incluso de operación cirúrxica, son atendidos inmediatamente co obxectivo de salvar a vida de todos os animais. Os cans e gatos operados recupéranse nunha sala específica para estes casos ou en casas de acollida.

Unha vez na zona de residencia, cada can e gato é seguido de xeito individual, establecendo para cada un a cantidade de comida axeitada e a necesidade de coidados especiais. O persoal do Refuxio clasifica aos cans en función do seu carácter, tamaño e sexo.

Os concellos teñen as competencias e responsabilidades legais no ámbito da protección animal. Para o Refuxio de Bando optouse por unha xestión compartida e participativa, aberta aos colectivos que traballan no ámbito da defensa do benestar dos animais ou do ecoloxismo. A Fundación Refuxio de Animais é un elemento clave para unha política municipal de protección dos animais asentada na prevención do abandono a través da sensibilización social, do control do censo ou da esterilización, a promoción de boas prácticas en relación cos animais e o fomento de adopcións. O padroado da fundación está presidido polo alcalde de Santiago de Compostela, ademais da representación institucional dos concellos que dela forman parte (Santiago de Compostela, Teo e Vedra) e representantes dos colectivos de protección animal e do ecoloxismo.

Fotos actuais


Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)