Código: EN007
-
Auga
Localización

Parroquia

San Xoán de Fecha

Información

Tipoloxía

Curso de auga

Historia

Galicia é unha rexión onde abundan os ríos debido ás súas características climáticas (especialmente as pluviométricas), tectónicas e morfolóxicas. Por isto, unha trama infinita de regatos e ríos percorren o territorio en todas direccións. Só considerando os ríos propiamente galegos, conta Galicia con preto de 2.000 quilómetros de tramos fluviais. Entre estes sobresae o Miño con 308 quilómetros de longo. Outros grandes ríos son o Sil, Ulla, Tambre, Navia, Eo, Eume, Mandeo, Xallas, Umia ou Lérez.

A presenza dunha orla case continua de serras entre a costa e o interior, dan lugar á existencia de numerosos cursos fluviais de curto percorrido que baixan directamente ao mar. Este tipo de cuncas costeiras marcan unha grande diferenza coas interiores, moito máis amplas, como é tipicamente a do Miño-Sil.

Os ríos das cuncas costeiras presentan un clásico réxime pluvial, cun máximo rexistrado nos meses de outono e inverno, e un marcado período de estiaxe durante o verán. A variabilidade dos diferentes cursos de auga ao longo do seu percorrido anula a concepción clásica que divide o curso dos ríos en tres tramos: alto, medio e baixo. Na rede fluvial galega, moitos ríos xorden febles e adoecen de capacidade erosiva nos seus primeiros tramos e pola contra, conforme avanzan, van rexuvenecendo e incrementando a súa potencia.

Debido á accidentada orografía e xeoloxía de Galicia, unha grande parte dos tramos fluviais son de caudal máis ou menos rápido e turbulento onde predominan os procesos de erosión, transporte e almacenamento, e tan só os tramos medios e baixos de ríos de grande ou de media entidade que discorren por chairas corresponden a zonas onde predomina a deposición de materiais.

Polo xeral, un río ben conservado leva asociado un bosque nas súas marxes. O bosque de galería ou bosque de ribeira asociado ao leito fluvial, representa unha descontinuidade paisaxística debido principalmente á maior dispoñibilidade hídrica respecto da contorna. Componse este bosque de especies caducifolias, dispostas en bandas paralelas ao leito en función das necesidades de humidade e da resistencia aos desbordamentos do río; e dun sotobosque, cuxo maior ou menor desenvolvemento depende das condicións de iluminación. A especie arbórea máis estendida en Galicia é o ameneiro (Alnus glutinosa), a máis higrófila de todas elas e por tanto a que se dispón máis preto do leito do río, seguida do salgueiro (Salix sp.) e do freixo (Fraxinus excelsior e Fraxinus angustifolia).

Os ríos galegos e as súas marxes contribúen en grande medida ao mantemento da biodiversidade, xa que desempeñan un papel moi importante como medio favorable para a vida de multitude de especies (regulación da temperatura, fixación das marxes ou achega de materia orgánica), e en moitas ocasións tamén actúan como corredores biolóxicos. A súa especial fraxilidade e reducida superficie confírenlle aínda máis valor como área de confluencia dos poucos hábitats naturais que aínda conservamos.

Entre as ameazas máis importantes para a diversidade biolóxica dos hábitats acuáticos atópanse a instalación nas canles de importantes obras para o abastecemento de auga ou para a produción de enerxía eléctrica, a apertura de estradas e camiños ao longo das marxes e terrazas fluviais, a creación de importantes áreas comerciais e industriais ao pé dos ríos e desembocaduras, os vertidos urbanos e industriais, a pesca intensiva e o furtivismo, o aproveitamento incontrolado das especies forestais de ribeira, os incendios forestais, a alteración dos canles na planificación territorial e o uso recreativo abusivo de marxes e ribeiras. Estas actividades supoñen á súa vez a perda da calidade das augas, da desaparición da fauna acuática, especialmente a piscícola, e dos hábitats de especies de flora e fauna, da recesión dos bosques de galería, ou incluso da desaparición da integridade do propio río.

Ayúdenos a mejorar nuestra traducción de su idioma

Puedes cambiar cualquier texto haciendo click (presiona Enter después de hacer el cambio)