
Zona verde
Parque de Brandía
Parroquia
Laraño
Tipoloxía
Curso de auga
Historia
O Sar é o río que configura o territorio de Santiago de Compostela ao seu paso polo sueste da cidade. Río poético cantado por Rosalía de Castro, é un afluente do Ulla pola súa marxe dereita. Nace a 310 metros de altitude no concello de Santiago de Compostela, concretamente na parroquia de Bando, ao lado de Amio, pasando ademais polas parroquias de Sar, Conxo e Laraño. A continuación atravesa as parroquias de Bugallido e Ortoño en Ames e a de Bastavales en Brión, para logo entrar en Padrón por Iria Flavia, onde discorre pola chamada Ruta Rosaliana. Cruza parte de Rois e finalmente desemboca no río Ulla facendo fronteira entre os concellos de Padrón e Dodro despois de percorrer 42 quilómetros e drenar unha conca de 265,5 quilómetros cadrados.
Conta entre os seus afluentes co Sarela, o Roxos, o Tinto e o Rois. Tanto o Sarela como o Roxos son ríos de Santiago de Compostela. O primeiro, o Sarela, é bastante coñecido mais o segundo, o Roxos, que discorre pola parroquia de Villestro, é un descoñecido que paga a pena explorar en todo o seu percorrido e especialmente no treito final na zona chamada do Pego antes de verter as súas augas no Sar, onde salva unha boa pendente formando pequenas fervenzas e pozas de grande beleza.
Co Sar ocorre algo curioso. Está establecido o seu nacemento en Bando, mais resulta moi difícil saber que itinerario segue dende aí até San Lázaro onde se fai visible, tampouco hai acordo no punto, breña, fonte ou rego que supón o seu nacemento. Un treito do río Sar, xa fóra do seu curso por Compostela, está incluído na Rede Natura 2000, e outro treito máis está proposto para formar parte dela.
Descrición
Despois de recibir as augas do río Sarela, o Sar transcorre pola beira do Parque de Brandía para continuar o seu percorrido cara Ames. Configura o territorio ao seu paso polo leste da cidade e nas beiras do río abonda a vexetación de ribeira ou ripisilva, formada por ameneiros, salgueiros, bidueiros, carballos, freixos, chopos, sabugueiros e abeleiras.
Dentro do espazo ocupado polo parque, o río é en parte desviado dende unha acea ou presa á canle de derivación que fornecía de auga a antiga Fábrica de Papel de Laraño. Esta intervención nos ríos era moi frecuente en Galicia para o aproveitamento da auga, da que a enerxía era utilizada para mover a maquinaria de muíños, serradoiros ou ferrerías.